Seguro que coñecedes loitas veciñais da vosa vila, barrio ou parroquia para reclamar melloras, ou ben reivindicacións da xente nova para dispor de espazos para o lecer e a creación. E é posible que vos decatásedes de que a prensa non sempre recolle esas necesidades ou non o fai dándolle voz aos protagonistas. Axiña veremos un exemplo disto, en todo caso.
Por iso pode ser importante transmitir a través das canles das que dispoñemos (os medios do centro escolar, a rede, os paneis da rúa...) información plural e de primeira man sobre as demandas da nosa contorna. Precisamos, entón, compoñer reportaxes xeolocalizadas para contribuír a dar voz ás reclamacións sociais máis próximas e colaborar na mellora do contexto no que vivimos. Dito doutro xeito, o obxectivo é crear un texto xornalístico mixto a través do cal mostremos como se está a mobilizar un determinado grupo social para conseguir algo que consideramos xusto.
Os temas poden ser, entón, a mellora das condicións de traballo dos empregados dunha empresa, as dificultades na explotación de recursos de mariscadores/as, mariñeiros/as ou labregos/as, os arranxos ou obras necesarias nun lugar, a oposición a instalacións lesivas ou perigosas, etc. Nese labor, será imprescindible, claro, contactar co grupo social escollido.
