Dúas actividades iniciais xunto coa orientación do proxecto.
Esta reportaxe elaborouse en 2013 nun momento de forte oposición -veciñal en Cabana de Bergantiños e social en toda Galicia- ao proxecto de instalación dunha mina en Corcoesto, explotación a ceo aberto que pretendía empregar toneladas de cianuro e arsénico ao día.
Despois de situarvos no tema:
- Enumerade os aspectos positivos da mina presentados? Hai algún negativo?
- A que persoas se lles dá voz? Estas poderían achegar unha perspectiva científica ou social distinta do da empresa ou das autoridades conniventes? Non botades en falta algún colectivo? Pensade que en Laponia haberá tamén grupos ecoloxistas, afectados pola extracción, persoas expertas que elaboren estudos de impacto ambiental...
- Considerades normal esa parcialidade? Malia as fórmulas de rigor "Segundo aseguran", "Asegura que" ou "segundo di", respéctase a procura de puntos de vista diversos?
- Por que e con que intencións se di que "Os responsables da minería de Corcoesto queren trasladar a Galicia un proxecto como o finlandés"?
- A empresa interesada pagou a viaxe dos xornalistas a Laponia para que visen a situación do xacemento de Kittilä. Parécevos ético? Ese feito non condiciona a perspectiva e o tipo de información que se lle amosará aos expectadores?

A empresa que quere xestionar a mina de ouro de Corcoesto acaba de organizar unha visita con xornalistas á Laponia finlandesa. Alí aséntase a principal mina de ouro de Europa. Comezouse a extraerse metal en 2008 e, en contra do que acontece aquí, non houbo oposición veciñal. Segundo aseguran os directivos da mina e as autoridades locais, case non existe impacto ambiental. Din que, desde que comezou a actividade, a metade dos ingresos da zona proceden do xacemento. Os responsables da minería de Corcoesto queren trasladar a Galicia un proxecto como o finlandés.
A mina de ouro de Kíttilä, en Finlandia, comezou a actividade en 2008 e un ano despois fundiuse o primeiro lingote. Na actualidade emprega 600 persoas, a maioría veciños da zona na que se asenta.
[Vicepresidente en Europa da empresa] - O ano pasado conseguimos extraer 5,6 toneladas de ouro. Somos a mina de ouro máis grande de Europa.
A alcaldesa de Kíttilä tamén destaca a importancia na economía. Asegura que desde que se comezou a explotar o xacemento a poboación en Laponia aumentou e o paro diminuíu. Di que a metade dos ingresos proceden da mina e a outra metade do turismo.
[Alcaldesa] - Os ingresos do turismo no noso municipio supoñen 200 millóns de euros. Os que proceden da mina supoñen o mesmo, outros 200 millóns de euros.
Insiste en que mina e turismo natural poden convivir perfectamente, xa que, segundo di, o xacemento non xera impacto na contorna.
Nesta mina da Laponia finlandesa os traballos de extracción de ouro desenvólvense baixo terra. Agora mesmo estamos a 630 metros baixo a superficie. Cada día saen de aquí a través destes túneles unhas 3000 toneladas de mineral; por cada tonelada hai aproximadamente uns 5 gramos de ouro.
O proceso de separación do ouro do resto dos minerais lévase a cabo nesta planta de procesado. Segundo os cálculos da empresa, a explotación da mina está garantida ata 2038.
Elaborade entre todos/as unha listaxe de demandas veciñais actuais que coñezades do ámbito do concello, da comarca ou de toda Galicia. Pedide previamente, se for preciso, máis información na casa; ou revisade a prensa: Sermos Galiza, Praza Pública, publicacións comarcais, etc.
A partir desa listaxe, creade un mapa colectivo sobre os conflitos que coñecedes, situando nel imaxes significativas de cada un, acompañadas por un pé explicativo de catro ou cinco liñas.

Revisamos o plan proposto e acordamos como desenvolvelo.
Organizade estes criterios de avaliación fundamentais segundo o valor que lles outorgades. Podedes, individualmente, numeralos.
Así mesmo, decidide o tipo de reportaxe que preferides para amosar as demandas: de formulación obxectiva ou claramente mixto (con valoración e opinión), de esquema narrativo (próximo á crónica) ou explicativo, con abundante material gráfico propio (fotorreportaxe) ou non, escrita ou audiovisual, etc. Convén xa tamén ter claros os posibles destinatarios segundo os espazos de publicación escollidos: xornal ou revista do centro, rede social determinada, panel público...