Analizamos a vea cívica, de protesta, na literatura do Rexurdimento, e escollemos textos significativos para conectalos coa realidade de hoxe en día. A seguir, establecemos un plan de contacto con colectivos do contorno.
Vede de inicio os feitos históricos máis relevantes para comprender a literatura do século XIX (o texto do vídeo, aquí) e respondede as cuestións que están a seguir.
1. Que relación se pode establecer entre a guerra contra os franceses e o galeguismo? E entre a división provincial e o primeiro galeguismo?
2. Que quererá dicir que "o provincialismo centrará os seus esforzos no ámbito cultural" e por que este movemento toma esa decisión?
3. A literatura social ten un peso fundamental no XIX. Que -diferentes- realidades impeleron os escritores e escritoras a usar a escrita para exercer a crítica e denunciar?
4. Explicade como entende Curros o progresismo.
5. Cal será a idea máis xeral do terceiro punto? Escollede unha das seguintes.
6. E que oración recolle a idea máis xeral do undécimo punto (penúltimo parágrafo)?
7. Compoñede un esquema, non temporal, senón temático, coa maior claridade visual posible, dos contidos do vídeo.
8. Que se conclúe a partir dos datos da seguinte gráfica a respecto dos problemas sociais de Galicia? Estes parecen diminuír ou acentuarse? Como se trata na literatura do momento a emigración?

Os conflitos sociais, económicos, políticos e culturais que viviron os nosos antepasados no século XIX teñen moitos puntos de contacto cos actuais. O contexto é moi distinto por mor dos cambios tecnolóxicos e de relacións, pero subsisten as inxustizas, os abusos, o sometemento ás leis dos poderosos. Igual que noutras épocas, no Rexurdimento @s escritor@s empregaron a literatura para denunciar os males da sociedade e os seus causantes. Hoxe hai outras artes que contribúen a pór en evidencia as consecuencias dun sistema excluínte, patriarcal e depredador, como o cine ou a música.
Imos centrarnos nesta última para conectar os textos do XIX coas cancións da actualidade.
- Lede os poemas de temática cívica dos autores e autoras rexurdimentistas presentados abaixo, no cadro de Apoios, e extraede o seu tema concreto. Pode ser de axuda esta pequena guía.
- Respondede intercambiando ideas. Que realidade social está presente no texto? Hai referencias históricas explícitas? Poden percibirse experiencias persoais, do/a propio/a autor/a ou dun falante lírico dunha determinada clase social? Cales? Que postura adopta o emisor? De que xeito puido contribuír a formar conciencia nas persoas que leron o poema?
- Recitade o poema. Preparade a lectura interpretativa especificando:
- Escollede como mínimo un par de imaxes contemporáneas que poidan ilustrar ese tema. Evitade quedarvos na mera representación dun elemento descrito ou aludido no poema.
- Procurade agora (achégase unha escolma no cadro de Apoio) pezas de artistas galeg@s de carácter reivindicativo e elixide unha á que poidan acompañar as imaxes anteriores, como portada do disco ou nun espazo dixital, por exemplo.
- Que conexións observades entre os conflitos (o decimonónico e o actual)?
1. LIÑAS PRINCIPAIS DO LIRISMO CÍVICO

2. SITIOS DE MÚSICA GALEGA:
- GZmusica
- A
Regueifa Plataforma
- Música
en galego
3. ESCOLMA DE POESÍA SOCIAL DO XIX MUSICADA E CANCIÓNS ACTUAIS
1. Aí vén o maio, de Luis Emilio Batallán e Pablo Milanés
2. As cousas cambian, de Dios k te crew
3. Dêmos graças, de Caxade
4. Estado miseria, de Ruxe-Ruxe
5. Evasión, de Un estado de shock
6. Filloa, de Terbutalina
7. Martinho, de Superoito (Iván e María)
8. Mil berros, de Dakidarria
9. A piques de estoupar, de Som do Galpom
10. O pirata, de A banda da Poi
11. Quen nos queima, de Lydia Botana
12. Tempestades de sal, de Sés
13. Tempo de muller, de Wöyza
14. Terra, de Dakidarría
15 A xustiza pola man, de Nao
4. REPORTAXE SOBRE A MÚSICA GALEGA ACTUAL
De que falan os grupos do noso pobo? (Praza Pública, agosto de 2013)
Individualmente, recreamos un poema social do Rexurdimento. Farémolo desde as preocupacións colectivas do noso século, amosando de maneira crítica a realidade actual. Intentaremos manter os recursos poéticos do orixinal, pero actualizándoos lexicamente. Proponse realizar esta creación alternativa sobre o poema “Tecín soia a miña tea”, de Rosalía de Castro.

Creamos un plan para contactar con entidades do noso contorno.
· Revisamos as demandas que coñecemos: da veciñanza, de diferentes asociacións ou grupos, sectoriais, xuvenís ou de calquera outro tipo.
· Pescudamos máis información sobre o conflito en diferentes medios e organizamos os datos cronoloxicamente.
· A partir de aí, clarificamos que nos interesa saber, que cuestións serán as centrais na petición de información: orixes do problema, consecuencias máis importantes, propostas de solución existentes, medidas xa tomadas, mobilizacións realizadas, apoios acadados, presenza na prensa...
· Procuramos a identidade e o contacto con persoas responsables da entidade escollida.
· Establecemos a forma e os medios para entrevistarnos con esas persoas.
· Fixamos a data, hora e lugar para o encontro, sexa presencial, telefónico ou no contorno virtual.
Na realización da entrevista, rexistrade as declaracións oralmente -con posterior transcrición- ou directamente por escrito. Distinguide de principio a información da opinión dentro de cada un dos apartados establecidos como cuestións centrais e compoñede por último unha rede de relacións entre os feitos obxectivos e as posturas que obtivestes sobre cada un.