Áreas implicadas
Lingua galega e literatura. A segunda secuencia pode conectar con contidos de Xeografía e historia (Causas do desenvolvemento desigual no mundo) e de Valores éticos (Riscos de democracias que violen os dereitos humanos. Xustificación das normas xurídicas).
Nivel
3º da ESO
Tema e contextualización da proposta
Composición de folletos con propostas de mellora das normas legais básicas referentes aos dereitos humanos frustrados: vivenda, emprego, servizos sociais ou inmigración. Proponse revisar criticamente os dereitos humanos para inserir concrecións que puidesen estear mellor os dereitos. Nas sociedades occidentais e, en xeral, no mundo, son moitos os dereitos recoñecidos universalmente que soen frustrarse para a cidadanía. Non só porque non se poñen os medios económicos para facelos efectivos, senón porque contamos con lexislación marco que non soe pasar das declaracións de intencións. Trátase de sermos quen de percibir as necesidades para acadar unha vida digna para tod@s e de enunciar artigos que concreten as medidas que se consideren máis acaídas para garantir vivenda, emprego ou servizos sociais de calidade.
· Elaborar folletos con normas legais, previa planificación e de acordo cuns criterios establecidos.
· Identificar, coñecer e empregar os trazos e recursos lingüísticos propios das normas legais para compoñer o texto final.
· Desenvolver usos lingüísticos apropiados e precisos.
· Empregar as TIC para a planificación, textualización, revisión e difusión das producións.
· Encamiñar a participación activa e con actitude colaborativa e responsable nas tarefas.
· Usar estratexias para conseguir a obxectividade e a precisión necesarias nos textos legais.
· Fomentar a revisión e mellora axeitada dos textos creados de acordo con determinados criterios.
- Comprensión, interpretación e valoración de textos expositivos e argumentativos.
- Participación activa en situacións propias do ámbito educativo e de interese para o alumnado que xeren intercambio de opinión.
- Comprensión e interpretación de textos propios da vida cotiá e das relacións sociais: convocatorias, actas de reunión e regulamentos.
- Comprensión e interpretación dos textos propios do ámbito educativo, especialmente os expositivos e explicativos (enciclopedias, webs educativas e outros materiais de consulta)
- Identificación do tema e dos subtemas, a estrutura comunicativa das mensaxes e a intención do emisor dos textos expositivos e explicativos.
- Produción, en formato papel ou dixital, de textos propios da vida cotiá e das relacións sociais: convocatorias e actas de reunión.
- Utilización das TIC para organizar os contidos, mellorar a presentación e corrixir erros.
- Recoñecemento, explicación e uso dos procedementos de creación de palabras (derivación e composición).
- Uso de técnicas de análise do contido e estratexias que facilitan a lectura comprensiva e crítica de textos.
- Recoñecemento, explicación e uso de léxico amplo e preciso, con incorporación de fraseoloxía e de vocabulario temático.
- Planificación, produción e revisión do texto con adecuación, coherencia, cohesión e respecto polas normas morfolóxicas, ortográficas e tipográficas.
Estes materiais son froito dunha aposta por un modelo didáctico na liña traballo por proxectos, baseado na construción de coñecemento dentro dun proceso de elaboración de xéneros textuais vehiculado a través de tarefas conectadas. Preténdese que o alumnado sexa axente activo da súa aprendizaxe ao planificar, pescudar, procurar, tratar e reelaborar información, elaborar textos para o uso social e traballar cooperativamente.
As propostas de produción parten dun reto, desenvólvense a través dun itinerario (fases e actividades para cada unha delas) e dispoñen de recursos e apoios. Non se trata, logo, tanto de ofrecer contidos como de posibilitar o avance no desenvolvemento de destrezas.
Esa procura do protagonismo do alumnado e do desenvolvemento da reflexión non se limita á composición de produtos finais ou intermedios. Tamén é a causa de propoñer nalgunhas secuencias a extracción de características textuais ou a composición de infografías por parte do alumnado a partir dunha serie de imaxes escollidas, no canto de ofrecer a información directamente.
Consecuentemente, o modo de traballo predominante é en pequenos grupos. Só en certas actividades se recomenda, tal como se indica, o labor individual ou en parellas.
Os proxectos ou secuencias seguen unhas fases constantes. Son as seguintes:
1. Conectad@s? Activación e motivación desde as emocións. Cómpre ter en conta as ideas previas e valorar a produción inicial para axustar o labor. Así mesmo, é importante negociar co alumnado a orientación do proxecto (como perfilar o xénero?, como valorar o labor?, etc.) para que a implicación e o sentido do que haberá que facer sexan máximos.
2. Situámonos. Traballo coa información. Para iso, débese orientar a planificación da tarefa de procura e escolla e ampliar as técnicas de traballo e análise do contido, así como as estratexias de comprensión. Sería interesante aquí especialmente achegar cuestións breves previas ás lecturas, cuestións clave durante a lectura e cuestións finais de extracción, inferencia ou valoración. Contémplanse fontes orais e multimedia, das que se achega transcrición só no caso de ter que evitar o audio.
3. Con sentido. Manexo da información: recollela e incorporala. Cumprirá desenvolver destrezas no tratamento da información e realizar unha parada para reflexionar e extraer conclusións (relato da aprendizaxe).
4. Obradoiro de comunicación. Desenvolvemento das habilidades lingüísticas esixidas polo xénero textual. Reflexiónase sobre os usos en textos reais modelo: trazos do xénero textual e cuestións gramaticais asociadas.
5. Temos a palabra. Planificación do produto e textualización. Inclúese de xeito máis ou menos específico a fixación e ampliación do léxico do ámbito traballado.
6. A lingua precisa. Corrección dos borradores. Será preciso revisar as propiedades textuais e aplicar estratexias de mellora.
7. O que damos de nós. Exposición e difusión do traballo realizado, ben sexa unha recompilación de producións intermedias, ben sexa o produto final. Reflexionarase tamén sobre a aprendizaxe e realizarase a avaliación final.
Combínanse tarefas iniciais de sensibilización cara ao tema e de activación de coñecementos previos, tarefas que esixen manexar información, tarefas de reflexión sobre a lingua e tarefas de produción textual.

a) Estándares e indicadores
- Diferencia as ideas principais e as secundarias e identifica a intención comunicativa de textos expositivos.
- Comprende e interpreta textos propios da vida cotiá e das relacións sociais: convocatorias, actas de reunión e regulamentos.
- Interpreta, deduce e explica a información que aparece en diagramas, gráficas e mapas conceptuais.
- Interpreta o sentido global e compón o esquema xerarquizado das ideas de textos expositivos e explicativos.
- Produce, en formato papel ou dixital, actas e regulamentos segundo os modelos propostos na aula.
- Participa activamente nas interaccións, respecta as regras, manifesta as súas opinións e atende as dos demais.
- Avalía atinadamente as intervencións propias e alleas.
- Respecta as quendas de palabra, escoita activamente os demais e usa fórmulas de saúdo e despedida.
- Recoñece e explica os procedementos de creación de palabras.
- Colabora co grupo e interésase por avanzar.
- Participa na procura e tratamento da información e sabe manexala.
- Resolve con acerto as actividades de análise e reflexión lingüística propostas.
- Contribúe na planificación dos textos e na súa mellora.
- Coavalía con criterio e autoavalíase.
b) Instrumentos
O apartado "O que damos de nós" inclúe unha grella de autoavaliación e na fase anterior achégase unha rúbrica de auto ou de coavaliación.
Alén diso, boa parte das actividades conectan directamente coas adxacentes, de xeito que se impulsa unha avaliación formativa durante o proceso, que culmina na tarefa final.
En todo caso, podería engadirse unha autoavaliación por bloques de actividades con criterios máis específicos (como: Ben, comprendín …, etc.; ou ben Vou ben?, Que aspectos quedaron confusos?...), o que implicaría realizar paradas para reflexionar.
Ao final ofrécese, ademais, un cuestionario dirixido á valoración da secuencia por parte do alumnado, cuestión importante para a súa posterior adecuación e mellora.
