Cada grupo revisará o escrito seguindo estas dúas fases.
Volvemos sobre os artigos normativos e a acta e axustamos os trazos dos xéneros e as propiedades textuais. Seguide, entón, os seguintes criterios de revisión:
| Axústanse os artigos ás necesidades extraídas dos casos de incumprimento? | Advírtese que a intención das medidas propostas é a mellora real? | Os artigos están organizados loxicamente e numerados? | Son curtos pero suficientemente explícitos? | Van precedidos dunha introdución explicativa? |
| A linguaxe é precisa, incluíndo léxico da solidariedade? | A expresión é concisa? | O nivel e o rexistro lingüísticos son os adecuados? | A presenza do emisor e receptor corresponde a estes textos institucionais? | As partes expositivas seguen unha secuencia clara? |
| Aprécianse as distintas partes da acta? | As ideas organízanse en parágrafos ao xeito? | A información avanza sen contradicións? | As intervencións están asignadas ao autor/a? | Os elementos de cohesión son suficientes? |
Realizade as melloras precisas.
Precisamos na escrita destes textos:
• Claridade, para que se poidan entender sen dificultade.
• Precisión, para que non deixen lugar a ambigüidades.
• Concisión, para eliminar o que sexa superfluo.
• Corrección, para axustar o escrito ás normas do idioma.
Teremos que evitar entón:
- Cultismos e neoloxismos innecesarios, do tipo computar (contar), contemplar (prever, ter en conta), conferir (dar, atribuír), problemática (problemas), concretizar (concretar), intencionalidade (intención)...
- As formas perifrásticas que non achegan nada, como conceder autorización (autorizar), ser de aplicación (aplicarse), introducir modificacións (modificar), proceder a publicar (publicar), estar en condicións de (poder)...
- As construcións pasivas, como este dereito foi recoñecido por todos os Estados (todos os Estados recoñeceron este dereito).
- As oracións longas, con incisos explicativos e reiteracións. Unha expresión clara esixe incluír cada idea e cada explicación en oracións distintas. Débese eliminar o superfluo e cortar os períodos extensos. Unha boa opción é crear enumeracións en listas verticais, pois:
• as listas compréndense mellor,
• a orde mellora a memorización,
• a brevidade reduce o risco de malas interpretacións,
• esta presentación permite dividir oracións longas.
- A alteración forzada da orde dos elementos da oración, caso de De acordo coa norma citada e nas circunstancias actuais, para mellorar a situación dos sen teito cómpren as seguintes medidas. (Cómpren as seguintes medidas para mellorar a situación dos sen teito, de acordo coa norma citada e nas circunstancias actuais). Manterase unha estrutura funcional e lóxica que responda a suxeito + verbo + complemento directo + complemento indirecto + outros complementos.
- A redución de elementos necesarios, como o artigo con antedito ou devandito (exemplo correcto: como recolle o devandito artigo).
- Os adxectivos superfluos, por exemplo autoridade competente, necesidade urxente ou lexislación vixente.
- As formas alleas, como son xuntanza a realizar (xuntanza que se realizará), asuntos a tratar (asuntos para tratar), a nivel de (por), en calidade de (como), en base a (con base en), por elo (por isto)...
- O sexismo na expresión e calquera discriminación nos tratamentos: os nenos (os nenos e nenas, as/os nenas/os), os médicos (persoal sanitario)...
- As aspas para os nomes propios de institucións, organismos, etc., pois estes escríbense con maiúscula.
Para saber máis: Manual de Linguaxe Administrativa.
❚ O deseño do documento é funcional e claro.
❚ Aprécianse as partes con claridade.
❚ Están ben construídos os distintos parágrafos.
❚ Tíraselle partido á tipografía: maiúsculas, cursiva, grosa...
❚ As oracións son máis ben breves e están ben construídas.
❚ Escolleuse unha linguaxe axeitada para o/a lector/a e para o tema.
❚ Facilítaselle ao destinatario que comprenda o texto na primeira lectura.
❚ Os datos relevantes ocupan as posicións destacadas do escrito, xeralmente ao comezo.
❚ Non hai redundancias e incisos innecesarios.
❚ Non se abusa das construcións pasivas nin das estruturas nominais.
❚ Empréganse as formas propias da lingua.