Pór dereito

Con sentido

Reorganizamos a información recollida, centramos as estruturas textuais, bosquexamos propostas de actuación e elaboramos o noso relato da aprendizaxe.

Actividade

1. Información relevante

Teredes unha serie de feitos rexistrados, con información tomada de diferentes fontes, e cumprirá agora organizar eses rexistros por subtemas: inacción gobernamental, marxinación, represión, persecución, etc. Redactade para cada caso unha presentación nun parágrafo non extenso, tipo entrada de noticia, coas claves QUE, QUEN, ONDE, CANDO, COMO, POR QUE.


Actividade

2. Graficamente

A principal base do incumprimento dos dereitos humanos está na desigualdade económica e na concentranción da riqueza dun sistema cada vez máis inxusto. Coa información deste documento, actualizade a gráfica da copa de champaña seguinte realizada hai uns anos e xa desfasada. Para iso, simplificade os datos e engadide un pé explicativo. Posteriormente, habemos empregar esa gráfica na elaboración do folleto.


Actividade

3. As estruturas

Os textos institucionais (xurídicos, administrativos ou de asociacións) poden combinar diferentes secuencias de tipos textuais diversos (expositivo, argumentativo, instrutivo). O noso produto final tamén será mixto, de xeito que imos agora:
- Distinguir con precisión formas expositivas das argumentativas.
- Identificar esquemas típicos da exposición.

a) Sexa divulgativa ou especializada, a exposición debe manter a obxectividade e a claridade, cun léxico preciso, na presentación dos contidos. En cambio, as formas argumentativas están inzadas de modalizacións (léxico valorativo e expresión de certeza e dúbida, fundamentalmente) e opinión ante o tema tratado. Distinguide treitos expositivos doutros argumentativos no texto mixto traballado antes.
En todo caso, cal é a intención do emisor? Contemplade estas opcións: convencer, ofrecer opinións, divulgar postulados, ensinar ou instruír, marcar pautas, mover á reflexión, regular, expoñer feitos, deleitar, acordar...

b) Co apoio dos cadros de abaixo, definide o esquema expositivo presente nas dúas primeiras páxinas das Propostas da Coordinadora Galega de ONG para o desenvolvemento de cara ás eleccións galegas de 2016. É xustamente un esquema presente en moitos textos do ámbito institucional.


Apoios

Esquemas do texto expositivo e do argumentativo

En pdf.


Actividade

4. Banco de propostas

Revisade as Propostas da Coordinadora Galega de ONG para o desenvolvemento de cara ás eleccións galegas de 2016 para obter modelos e achegade como mínimo cinco necesidades para mellorar a situación dos casos investigados e, derivadas delas, cinco medidas necesarias para atallar os incumprimentos do dereito.


Conclusión

Relato da aprendizaxe

Presentade, cada un dos grupos, os resultados da investigación e mais as propostas de medidas e atendede as suxestións de mellora dos demais.

Por último, poñede por escrito individualmente:
* Conseguiches implicarte plenamente no labor? Por que?
* Que che custou máis entender sobre este tema?
* Que actividade foi máis interesante e útil? Por que?
* Que cambios no coñecemento destas cuestións experimentaches ao longo destas sesións de traballo?
* Cal cres que é a mellor maneira de traballar estes contidos?
* Para que che pode servir a aprendizaxe realizada?
* Como podes mellorar o teu traballo de aquí en adiante nesta secuencia?

Anterior

Situámonos.


Seguinte

Obradoiro.