Pór dereito

Temos a palabra

Preparamos unha xuntanza do grupo, que realizaremos na seguinte parte e da que cumprirá levantar acta. Planificamos e compoñemos así o núcleo do noso produto final en folleto.

Actividade

1. Léxico da solidariedade

Revisamos algunhas palabras clave do ámbito que nos ocupa, como as recollidas na nube de abaixo, mais tamén outras como empoderamento, fondos, microcréditos, reintegrar, sustentabilidade, xenocidio, exclusión, feminización, vulnerabilidade, mitigar, prevención, rehabilitación, asignación, axustar, mobilización, vulnerabilidade...

a) Procurade no dicionario os termos descoñecidos ou que non saberiades explicar con claridade.
b) Organizade os verbos en diferentes formas de actuación ante as necesidades e a inxustiza que detectastes previamente.
c) Agrupade os substantivos e adxectivos no contorno desas formas de actuar.
d) Que palabras das anteriores poderían formar parte das medidas que propuxestes na actividade 4 de Con sentido?

Actividade

2. Convite para unha xuntanza. Plan de acción

Seguide os puntos (agás o primeiro) da convocatoria achegada para reorganizar e redactar agora de acordo coas características do regulamento as propostas previas de medidas. Estas deberán adoptar a forma de artigo normativo. Ampliade o seu número se o vedes conveniente e compoñede unha introdución que ligue os casos detectados (as necesidades) coas normas que propoñedes.
Durante a xuntanza, o labor de secretario/a, encargado de apuntar as intervencións principais (compañeiro/a que intervén e idea básica achegada), rotará no grupo de acordo coas indicacións do/a profesor/a. Terase que deixar constancia, nun borrador e na orde na que se vaian presentando, das propostas, apoios, matizacións, obxeccións ou suxestións, acompañadas do nome da persoa que as manifesta: X intervén para, considera que, propón, engade, matiza, precisa, suxire, sinala, manifesta, presenta, comenta, pregunta, responde, insiste, solicita...

Actividade

3. Que conste en acta

A acta é un documento de constancia (igual que a certificación) na que se declara como se desenvolveu unha reunión, coas incidencias principais: deliberacións, acordos...
Lembrade que os elementos constantes nas actas son:
Encabezamento, cun título no que se precisa a xuntanza de que se trata e cunha introdución na que consta cando menos a data, hora de comezo e lugar.
Desenvolvemento da sesión, no que se expón o tratado en cada un dos temas da orde do día (enunciados previamente en sintagma ou frase nominal), con recollida en estilo indirecto das intervencións principais e mención das persoas que participan. Así mesmo, inclúense os acordos tomados (enunciados con inicios verbais).
Peche, que comeza cunha expresión como Terminou a xuntanza, da que dou fe como secretario/a, ás (hora) e remata co visto e prace do/a presidente/a e coas sinaturas.

Redactade a acta da xuntanza a partir das notas en borrador tomadas por todos os membros durante o desempeño do papel de secretario/a, de acordo co modelo proposto abaixo e atendendo as seguintes orientacións.

A) Debemos articular o texto en parágrafos axeitados.
1. Cada parágrafo tratará unha única idea. Comenzaremos un novo ao ofrecer información diferente ou un novo aspecto sobre o tema.
2. A extensión de cada un non superará as seis liñas e conterá, xeralmente, máis de unha oración.
3. Os parágrafos sucederanse de forma lóxica de acordo co contido.
4. A idea principal do parágrafo aparecerá preferentemente ao principio; pode ser ao final, se é a modo de conclusión.
5. Evitaremos o desequilibrio (uns moi longos e outros moi curtos), a repetición (insistir na mesma idea en varios parágrafos), a condensación (mesturar varias ideas nun único) e a lonxitude (parágrafo conformado por unha oración longa).

B) Empregaranse conectores usuais nestes textos.
1. Conectores que organizan e estruturan a información. Sinalan inicio, continuación, desviación ou conclusión. En primeiro lugar, por unha parte, ante todo, de igual xeito, por último, etc.
2. Conectores que indican adición. Indican relación lóxica de suma de elementos ou argumentos. Así mesmo, igualmente, ademais...
3. Conectores contraargumentativos. Establecen un contraste uo oposición. Non obstante, con todo, de todos os xeitos, agora ben...
4. Conectores consecutivos. Presentan algunha consecuencia ou conclusión derivada da información dada. Por iso, por esta razón, daquela, xa que logo...
5. Reformuladores (explicativos, recapitulativos, rectificativos). Achegan a nova información como unha reformulación do dito, para mellorala, explicala ou rectificala. Ou sexa, é dicir, en todo caso, en definitiva...

C) Evitaremos as expresións perifrásticas que complican a escrita, como Deu comezo o intercambio de ideas (Comezou o debate, Iniciouse o intercambio de ideas).

Exercicios previos á redacción da acta

a) Reescribide estes fragmentos de acta evitando as expresións inadecuadas:
Procedeuse á celebración da reunión...
O seguinte punto da orde do día foi darlles un repaso ás propostas de intervención.
Fixo uso da palabra o secretario...
A representante do Concello puxo de manifesto o apoio da Corporación.
Decidiuse non tomar parte en manifestacións convocadas por outros.
Os demais problemas a estudar quedaron pospostos.

b) Reescribide, evitando formas perifrásticas, os catro primeiros parágrafos da nova en vídeo "Somos refuxiados", vista ao inicio. (Transcrición dos vídeos).

c) Redactade construíndo ben as oracións, con elementos na súa orde lóxica, a intervención de Concha Fernández na nova tamén do inicio "Médicos do mundo denuncia 2.496 casos en Galiza de desatención médica a inmigrantes". (Transcrición dos vídeos).

Apoios

Actas

Modelo de acta. Tamén en .odt
Acta simplificada.
Acta real (de Solidariedade Galega).


Anterior

Obradoiro.


Seguinte

A lingua precisa.