Pór dereito

Conectad@s?

Dúas actividades iniciais xunto coa orientación do proxecto.

Actividade

1. As causas das cousas

Asistimos a estas novas en vídeo:
1. Somos Refuxiados (Canal Barbanza)
2. Médicos do mundo denuncia 2.496 casos en Galiza de desatención médica a inmigrantes (Nós TV).
A seguir, segundo o visto, comentamos en gran grupo:

- Que é unha ONG? Como se organiza un colectivo deste tipo?
- Que relación observamos entre lexislación e acción de organizacións solidarias?
- As leis son sempre protectoras da cidadanía, xustas?
- Que medida lexislativa podería tomar a UE para contribuír a modificar a situación dos inmigrantes ou a dos refuxiados?

Apoios

Vídeos e transcrición

Documento coa transcrición.


Actividade

2. Dereitos para tod@s

Considérase que un dereito está garantido cando hai:
• Dispoñibilidade, como por exemplo poder optar a unha vivenda.
• Accesibilidade, ou sexa, seguindo co exemplo, ter recursos para manter, alugar ou mercar casa.
• Aceptabilidade, que socialmente se recoñeza que ese dereito é fundamental.
• Sustentabilidade: a continuidade debe garantirse cun sistema xusto.
• Calidade, a vivenda debe ser digna.
• Participación, as persoas deben poder participar na toma de decisións.

Son os Estados os que deben garantir o exercicio dos dereitos dos seus cidadáns. Todos eles ratificaron polo menos un dos principais tratados de dereitos humanos, e o 80% catro ou máis, o que significa que se comprometen a establecer obrigas xurídicas e medidas para cumprilos ou facelos cumprir. Son as leis estatais as que concretan eses dereitos e os recursos económicos destinados a facelas efectivas os que os poden garantir.

Así, aínda que o artigo 21 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos establece que "Toda persoa ten dereito a un nivel de vida adecuado que lle asegure, así como á súa familia, a saúde e o benestar, e en especial a alimentación, o vestido, a vivenda..." e o dereito a un fogar digno está recollido en diferentes leis galegas e do Estado, os relatorios da ONU destacan que as decisións políticas no noso contexto levaron á ruína a centos de miles de persoas, cun número elevadísimo de desafiuzamentos, e organizacións como Amnistía Internacional denuncian que os desaloxos acostuman facerse sen garantías (prazo razoable, medios xudiciais para presentar recurso, etc.).

Escollede unha destas situacións e realizade logo as actividades seguintes.

A. Vivides dentro dunha tribo indíxena á que se lle impide utilizar a súa lingua, estudar con programas escolares que atendan a súa realidade, organizarse do modo acostumado, ser atendidos en igualdade no caso de enfermidade ou producir e distribuír os seus bens culturais.
B. Estades nunha pequena comunidade illada que depende economicamente dunha fábrica próxima. Pero esta, ademais de dar traballo precario, contamina as augas do contorno da comunidade, o que causa graves danos ambientais e enfermidades fatais nos habitantes. Ante as protestas, a empresa faise co monopolio dos acuíferos da zona, que sempre foran comunitarios.
C. Traballades, coa vosa idade, nunha fábrica de ladrillos en Paquistán. Botades doce horas fabricando e trasladando moreas pesadas de ladrillos sobre a cabeza. Os vosos irmáns pequerrechos viran as pezas para que aireen.
D. Sobrevivides, descalzos, rebuscando nun vertedoiro de Phnom Penh, en Cambodia, entre moscas, fedores insoportables e gases tóxicos dos lumes que queiman os refugallos. Hai nenos e nenas de 7 anos en diante que procuran sen descanso calquera cousa que se poida vender. O que conseguen non chega a medio euro ao día. (Adaptado do Programa TEI)

Primeiro en parellas e posteriormente en grupos de catro, acordamos:
- Que situación nos parece especialmente indignante? Esa será a escollida.
- Por que eses feitos supoñen unha lesión de dereitos? Cal ou cales resultan afectados e en que medida?
- Que se podería facer para reclamar e exercer os dereitos?
- Que precisan as persoas en calquera lugar do mundo para vivir dignamente?

Mantendo os mesmos grupos de catro integrantes, recollede nun cartaz de protesta a reclamación fundamental ante a situación sufrida.


Imaxe de Toni Castillo (http://flickr.com/photos/88113683@N00/5825959013)
Plan

Acordando o labor

Revisamos o plan proposto e acordamos como desenvolvelo.

Organizade estes criterios de avaliación fundamentais segundo o valor que lles outorgades. Podedes, individualmente, numeralos.

- Diferencia as ideas principais e as secundarias e identifica a intención comunicativa de textos expositivos.
- Comprende e interpreta textos propios da vida cotiá e das relacións sociais: convocatorias, actas de reunión e regulamentos.
- Interpreta, deduce e explica a información que aparece en diagramas, gráficas e mapas conceptuais.
- Interpreta o sentido global e compón o esquema xerarquizado das ideas de textos expositivos e explicativos.
- Produce, en formato papel ou dixital, actas e regulamentos segundo os modelos propostos na aula.
- Participa activamente nas interaccións, respecta as regras, manifesta as súas opinións e atende as dos demais.
- Avalía atinadamente as intervencións propias e alleas.
- Respecta as quendas de palabra, escoita activamente os demais e usa fórmulas de saúdo e despedida.
- Recoñece e explica os procedementos de creación de palabras.
- Colabora co grupo e interésase por avanzar.
- Participa na procura e tratamento da información e sabe manexala.
- Resolve con acerto as actividades de análise e reflexión lingüística propostas.
- Contribúe na planificación dos textos e na súa mellora.
- Coavalía con criterio e autoavalíase.

Así mesmo, decidide o tipo de folleto que interesa compoñer para difundir as propostas de acción.


Inicio

Inicio.


Seguinte

Situámonos.