Saltar navegación

Antes de comezar

A estatística é a rama das matemáticas que se ocupa de reunir, organizar e analizar datos. Está presente na nosa contorna en multitude de casos e precisamos coñecer as súas ferramentas básicas para poder transmitir información pero tamén para saber interpretar a que nos chega.

Que aprenderás?

Aprenderás como se realiza un estudo estatístico, é dicir, terás que recoller, organizar, depurar, almacenar, representar e analizar sistemas de datos.

Os estudos estatísticos teñen varias fases que seguiremos de xeito ordenado. Estas son:

  1. Determinar que e a quen se quere estudar.
  2. Establecer como se vai a recoller a información.
  3. Recoller os datos que precisamos.
  4. Ordenar e tabular os datos obtidos.
  5. Representar graficamente.
  6. Calcular as medidas que resuman a información.
  7. Divulgar os resultados.

Ademais aprenderás a:

  • Utilizar unha folla de cálculo para tratamento dos datos, creación e interpretación de gráficos...
  • Elaborar informes sobre os procesos e as conclusións ás que chegaches.
  • Realizar unha presentación.
  • Facer infografías.
  • Expor os resultados dun estudo.

Obxectivos

Como dixemos, o noso obxectivo é saber como é o alumno ou alumna típico/a da túa clase; pero para iso debes seguir os pasos sinalados anteriormente para logo presentar un informe coas conclusións e difundir os resultados da investigación.

Como acopiaremos e compartiremos información?

Nun estudo estátístico podense obter o datos de varias formas:

  • Acudir a bases de datos elaboradas por distintos organismos como pode ser o IGE, INE ou calquera outro organismo ou institución ao que teñamos acceso.
  • Recoller os datos por vía telefónica ou telemática.
  • Entrevista presencial.

Nós, nesta ocasión, optaremos pola recollida de datos presencial e, ao rematar, realizaremos un informe do proxecto, unha presentación para expoñer e infografías para divulgar as nosas conclusións.

  • Sabes o que é o IGE e o INE?

Diario de aprendizaxe

Ao longo de toda a unidade didáctica, anotaremos no noso diario de aprendizaxe todas as nosas inquietudes, progresos e dúbidas. Comezaremos facendo a primeira entrada no diario.

Ao iniciar esta unidade, debemos reflexionar sobre algunhas preguntas:

  •     Que ideas creo que son as máis importantes que temos que desenvolver? Que esperamos aprender durante esta unidade didáctica?
  •     Existe algunha idea ou concepto que non comprendemos?

Dedicaremos dez ou quince minutos a reflexionar sobre estas preguntas para anotar as nosas conclusións no diario e, posteriormente, facer unha posta en común na aula.

Recursos

Se precisas información de como publicar en Agueiro mira este vídeo.

Webgrafía

Infórmate sobre as funcións dos distintos institutos oficiais de estatística.