Orientacións e recomendacións de uso
Recomendacións que o profesorado pode ter en conta para un maior aproveitamento deste recurso educativo.
Recursos materiais necesarios
Alén do que dispoña o profesorado que acompañe o alumnado na realización do reto, os recursos principais que se precisan neste reto son os seguintes:
Diario de aprendizaxe: o diario de aprendizaxe pódese cubrir en formato electrónico ou imprimir e cubrilo manualmente, segundo o que dispoña o profesorado.
Impresora: tanto para o diario de lectura coma para algunhas outras actividades nas que poida ser útil dispoñer dunha copia en papel, será necesario o uso dunha impresora.
Caderno do alumnado: nalgunhas actividades requírese o uso dun caderno persoal; é conveniente que sexa un caderno destinado ao REA.
Ordenador persoal: ao longo do reto será necesario realizar actividades interactivas cun odenador, que tamén se pode usar, se se quere e o profesorado o autoriza, como caderno para a realización das actividades de escrita.
Teléfono móbil ou un dispositivo de gravación: para gravar as pílulas informativas pódese usar a gravadora incorporada nos teléfonos móbiles ou un dispositivo de gravación de son.
Libro de lectura: aínda que no REA se inclúe un fragmento do libro O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas, recoméndase que o alumnado poida dispoñer do libro en formato físico, tanto para que poida ler o fragmento no seu contexto coma para que, no caso de xurdir o interese, se poida favorecer que algún alumno ou alumna o lea integramente.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
Ao longo do reto especifícase o tipo de agrupamento axeitado para cada proposta. De todos os xeitos, é o profesorado quen pode adaptar ese agrupamento segundo as necesidades da aula e do seu alumnado.
Ademais das actividades que se deban desenvolver de maneira individual (coma os tests) ou sexa posible levalas a cabo sen outra persoa (coma as actividades de reflexión...), recomendamos non superar os agrupamentos de tres alumnos ou alumnas, xa que poderían dificultar a asimilación dos contidos e o control do traballo de cada membro do grupo por parte do profesorado.
Finalmente, tanto a exposición dos produtos finais coma a coavaliación débense facer en conxunto co grupo-clase.
Produtos finais
É importante que o produto final teña calidade e que a revista que resulte de todo o traballo poida representar o esforzo colectivo que requiriu a súa confección. Con todo, cómpre poñer en valor o traballo feito ao longo do reto e a capacidade do alumnado para resolver problemas, atopar solucións e levar o traballo adiante de maneira tanto individial coma colectiva.
Enfoque multinivel
As actividades incluídas ao longo de todo o REA inciden no obxectivo de atender a diversidade dentro da aula: os diferentes puntos de partida nos coñecementos, os diferentes intereses, gustos e motivacións, etc. Para isto:
- Ofrécense actividades multinivel, isto é, con diferentes graos de dificultade.
- Inclúense actividades individuais nas que o alumnado pode escoller conforme aos seus gustos e intereses, por exemplo, a lectura individual do libro de narrativa xuvenil.
- Recóllense actividades abertas de creación, o que vai propiciar que o nivel de esixencia e os resultados poidan estar en relación cos coñecementos previos do alumnado.
- Finalmente, as tarefas en grupo destinadas á consecución do reto están artelladas para que cada membro do grupo achegue as súas diferentes capacidades e habilidades.
Adaptación do reto e das actividades
O REA presenta actividades multinivel para poder abranguer distintos niveis competenciais, aínda que é o profesorado quen pode acabar de definir o perfil do alumnado e, polo tanto, como se pode adecuar o reto e a súas fases ao grupo-clase.
Para iso, os REA do proxecto cREAgal son abertos e editables, de maneira que todas as actividades e orientacións poden ser modificadas a vontade do profesorado para poder atender mellor a diversidade da aula.