Metodoloxía
Este REA forma parte do marco pedagóxico do proxecto cREAgal, un proxecto da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional que pretende ofrecer unha rede de recursos abertos para a comunidade educativa.
Dende o punto de vista metodolóxico, este REA é fundamentalmente activo e participativo, favorecendo que o alumnado aprenda a través da propia práctica. Os traballos, xa sexan individuais, en parellas ou en pequenos grupos axudan a aumentar a súa autonomía e a fomentar a súa creatividade e a curiosidade por aprender e descubrir por si mesmos.
As liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe son a base nas que se asenta a metodoloxía que se segue nesta proposta didáctica para que sexa activa e participativa, respectando a diversidade da aula e acompañando no proceso de aprendizaxe.
Utilizaranse distintas metodoloxías buscando a acción educativa máis axeitada en función do momento e contidos que se tratan e que, ademais, sirvan para atender os distintos ritmos de aprendizaxe, gustos, motivacións, intereses...
Tamén se intentará que a organización do espazo da aula sexa o máis axeitado segundo a tarefa que se vaia desenvolver. Así, adaptarase o espazo segundo sexa traballo individual, en parella, en equipos, ou en grande grupo, sempre en coordinación co resto do profesorado. Este REA non só se elabora na aula, senón que o resultado final, a revista literaria para a mocidade, viaxará a outros centros fóra da comunidade que teñen como lingua cooficial o catalán e o éuscaro, o que porá en valor o traballo do alumnado máis alá da aula.
PRINCIPIOS METODOLÓXICOS
- Aprendizaxe significativa: partiremos dos coñecementos previos que posúe o alumnado (preguntas na aula, chuvia de ideas, actividades de coñecementos previos...), sobre todo nas fases 1 e 2, para que partindo destes coñecementos, cada alumno e cada alumna poida enriquecer, modificar e reorganizar os seus esquemas cognitivos.
- Autonomía na aprendizaxe: é importante que o alumnado aprenda a tomar decisións de maneira autónoma, como, por exemplo, a partir dunha selección de argumentos de libros, debe escoller o que máis se adapte aos seus gustos e intereses. Así, tamén se fomentará a súa autonomía na toma de decisíóns.
- Participación: Os traballos en grupo van favorecer a socialización do alumnado (tanto en parella, coma en pequeno grupo ou en gran grupo). É necesario incentivar a colaboración entre o alumnado, para que así sexan conscientes das vantaxes de intercambiar información, unir esforzos e do apoio mutuo. Para iso, neste REA hai dinámicas en parella, de pequeno grupo e en grande grupo.
- Reflexión persoal: sobre o proceso de aprendizaxe e sobre o produto final, de xeito que o alumnado valore o seu progreso e poida corrixir os erros cometidos. Iso faise principalmente a través do Diario de aprendizaxe.
TIPOLOXÍA DE ACTIVIDADES E DINÁMICAS DE APRENDIZAXE
- Pártese dun reto que se ten que resolver, para o que hai que ir explorando, facendo escollas, adquirindo coñecementos, resolvendo situacións, cooperando..., para poder levalo a cabo.
- Contémplanse dinámicas individuais (tarefas interactivas, Diario de aprendizaxe, actividades de investigación, tarefas no caderno...) dinámicas en parella (escribir unha carta a unha amizade), dinámicas en pequenos grupos (elaboración da recensión do libro) e dinámicas en grande grupo (elaborar unha revista de literatura e cultura galega para xente moza).
- Propóñense actividades escritas e actividades orais.
- Enfoque multinivel. As actividades incluídas ao longo de todo o REA inciden no obxectivo de atender a diversidade dentro da aula: os diferentes puntos de partida nos coñecementos, os diferentes intereses, gustos e motivacións, etc. Para isto:
- Ofrécense actividades multinivel, isto é, con diferentes graos de dificultade.
- Inclúense actividades individuais nas que o alumnado pode escoller conforme aos seus gustos e intereses.
- Recóllense actividades abertas de creación, o que vai propiciar que o nivel de esixencia e os resultados poidan estar en relación cos coñecementos previos do alumnado.
- Finalmente, as tarefas en grupo destinadas á consecución do reto están artelladas para que cada membro do grupo achegue as súas diferentes capacidades e habilidades.