Saltar navegación

1. Descrición xeral

Conectamos co mundo!

Este REA (recurso educativo aberto) é un recurso elaborado para a materia de Lingua galega e literatura de 1º de ESO e abrangue os contidos da unidade 6 da programación modelo de PROENS.

A situación de aprendizaxe que se propón consiste na creación dun blog de aula que sirva como palestra na que publicar contidossobre o uso da Rede que axuden á mocidade a orientarse no mundo dixital de maneira segura e responsable. Para acadar o reto, o alumnado levará a cabo, en primeiro lugar, unha tarefa de investigación sobre a rede na que terán que pescudar distintos aspectos sobre as redes sociais e, tamén, as posibles estratexias e recomendacións para evitar riscos. En segundo lugar, coa información máis relevante terán que elaborar un díptico dixital que irá incluído no blog.Na creación deste díptico revisaranse os aspectos principais da edición de textos (redacción, revisión, corrección, selección de ilustracións, edición, maquetación e publicación) que xa se traballaron no REA 03.

Como complemento, e para explorar a subxectividade no tratamento da información, o alumnado tamén elaborará, coa axuda do profesorado, unha noticia a partir dos datos de varias noticias anteriores. E, para seguir explorando as posibilidades da difusión de información e do uso da lingua, tamén se gravarán unhas pílulas informativas nas que se darán exemplos concretos para denunciar e rexeitar os usos discriminatorios da linguaxe verbal e non verbal e os abusos a través da palabra.

As metas de aprendizaxe deste reto son: 

  • Celebrar o Día do Consumidor e a Semana da Prensa.
  • Crear un blog para a mocidade que sirva de palestra para as inquietudes xeradas polo uso das novas tecnoloxías.
  • Participar nun traballo de investigación colectivo e cooperativo sobre os tipos de redes sociais,  os riscos da Rede e a súa prevención.
  • Elaborar un díptico para a mocidade en formato dixital sobre a Rede.
  • Coñecer e utilizar tanto dicionarios analóxicos como dixitais para enriquecer as producións.
  • Gravar pílulas informativas nas que se rexeiten os usos discriminatorios da linguaxe verbal e non verbal, ademais dos abusos a través da palabra.
  • Redactar unha nova versión sobre unha noticia, logo de contrastar varias noticias con espírito crítico

Feito con eXeLearning (Nova xanela)