Cazando bulos (Factcheckers)
Este é un REA (Recurso Educativo Aberto) deseñado co fin de desenvolver no alumnado a capacidade crítica en relación á cantidade de información á que teñen acceso, é dicir, a habilidade para analizar e avaliar a información de maneira independente. Implica cuestionar a información, identificar as súas fontes e avaliar a súa validez. Tamén implica ser quen de identificar os argumentos e razoamentos utilizados, e avaliar a súa forza e credibilidade.
O eixo condutor é a identificación e avaliación da información que nos chega a través de distintas tipoloxías textuais, tanto orais coma escritas, e poder determinar se se trata de información veraz ou de bulos (fake news). Para iso, presentamos os bulos máis relevantes en relación á concepción da Terra e do Universo ao longo da historia, partindo de Hipatia de Alejandría, unha muller cunha relevancia histórica significativa. Educar ao alumnado sobre os bulos pode axudar a protexelo de ser enganado ou manipulado.
O contido dos textos presentes neste REA, teñen como base o vocabulario correspondente ao bloque 2 “o mundo no que vivimos”, da área de Ciencias Sociais de 5º, xa que partiremos dos seus coñecementos previos en relación ao coñecemento do Universo e a representación da Terra.
O problema real presentado será a información falsa á que están expostos, a través das redes sociais e a outros medios dixitais, que son as principais canles de difusión dos bulos. O reto é que aprendan a identificar os elementos que caracterizan ás fake news, aplicando o método científico, onde desenvolvan as súas habilidades cognitivas de observar, comparar, transferir, representar, avaliar...
As metas de aprendizaxe son:
1. Comprender distintas tipoloxías textuais.
2. Afondar no coñecemento das categorías gramaticais.
3. Aumentar a destreza en comunicación oral.
4. Desenvolver as habilidades críticas.
5. Comprender a importancia do método científico e a súa aplicación para resolver problemas no mundo real.