Proxecto BauGal_Tecno_ODE6: O paseo de Jane
O Paseo de Jane é unha situación de aprendizaxe interdisciplinar que conecta as materias de Lingua Galega e Literatura e Tecnoloxía para invitar o alumnado a reflexionar sobre o lugar onde vive, analizando a cidade ou vila desde unha mirada crítica, sensible e creativa.
Trátase dunha unidade de repaso e aplicación de todos os ODE do proxecto BauGal. Deseñando un "Paseo de Jane" poñeremos en práctica o aprendido nas situacións, avaliando o proxecto global.
A proposta desenvolvese en sete sesións estruturadas arredor de tres grandes eixos:
-
A arquitectura, o urbanismo e as cidades sostibles do futuro, onde se traballan conceptos como os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), a arquitectura bioclimática, as Smart cities, as Senseable cities e os sistemas de IoT e domótica aplicados á vivenda e á xestión urbana.
-
A memoria e o patrimonio colectivo, onde o alumnado se achega á historia e identidade do seu contorno a través da entrevista a persoas maiores e da análise de elementos patrimoniais, materiais e inmateriais de Galicia.
-
A acción cidadá e a comunicación efectiva, que culmina na organización dun auténtico Paseo de Jane: o alumnado define un roteiro urbano, realiza intervencións orais nas paradas, redacta unha memoria compartida e elabora un manifesto colectivo que se presenta ao Concello como proposta de mellora.