Saltar navegación

TAREFA PUNTUABLE. Análise clínica e de datos

Tarefa análise e interpretación de datos

Duración:
60 min
Agrupamento:
Individual / Parellas

Introdución da tarefa: O corpo fala: que di esta analítica?

As analíticas de sangue e ouriños son probas médicas fundamentais para coñecer o estado de saúde dunha persoa. A través delas, podemos detectar infeccións, avaliar o funcionamento dos órganos e identificar posibles problemas como a anemia, a diabetes ou o colesterol alto.

Neste exercicio, imos analizar os resultados dunha paciente que acudiu ao médico con dor ao ouriñar e febre leve. A partir dos datos proporcionados, deberemos interpretar a súa analítica e responder ás preguntas para comprender mellor o seu diagnóstico e as súas implicacións para a saúde.

ilustración analítica de sangue

Resultados da analítica de sangue: series vermella, branca, plaquetaria e bioquímica

Parámetro Resultado Unidades Valores de referencia
Glóbulos vermellos 4,50 millóns/µL

4,7 - 6,1 en homes / 4,2 - 5,4 en mulleres

Hemoglobina 13,2 g/dL

13,8 - 17,2 en homes / 12,1 - 15,1 en mulleres

Plaquetas 190.000 unidades/µL 150.000 - 450.000
Leucocitos 13.000 unidades/µL 4.000 - 11.000
Glicosa 95 mg / dL 70 - 100
Colesterol total 210 mg/dL menos de 200
Colesterol LDL 140 mg/dL menos de 100
Colesterol HDL 45 mg/dL

máis de 40 en homes / máis de 50 en mulleres

Triglicéridos 160 mg/dL

menos de 150

-

Ilustracion analise de urina

Resultados da analítica de urina

Parámetro Resultado Unidades Valores de referencia
Aspecto Turbio -
Cor Amarelo escuro - amarelo claro
Densidade 1,025 g/mL 1,005 - 1,030
pH 6,5 - 4,5 - 8
Proteínas positivo - ausencia
Leucocitos presentes en gran cantidade - ausencia ou poucos
Bacterias positivo - ausencia

-

Actividades e tarefas para resolver: 

Cuestión 1. Sobre os glóbulos vermellos:

  • Está dentro dos valores normais? Como o sabes?
  • Para que serven os glóbulos vermellos?
  • Que enfermidade poderiamos sospeitar se houbera poucos glóbulos vermellos?

Cuestión 2. Hemoglobina:

  • Cal é a súa función?
  • A hemoglobina desta persoa está en valores normais?

Cuestión 3. Plaquetas:

  • Para que serven?
  • Hai algún problema coas plaquetas desta analítica?

Cuestión 4. Glóbulos brancos:

  • O valor desta analítica está dentro da normalidade? Que pode indicar un nivel elevado?
  • Que tipo de infección pode estar sufrindo esta persoa?

Cuestión 5. Glicosa:

  • Que pode significar ter a glicosa moi alta?
  • Esta persoa ten un nivel de glicosa saudable?

Cuestión 6. Colesterol e triglicéridos:

  • Algún destes valores está alto? Como se podería mellorar?
  • Que diferenza hai entre o colesterol LDL e o colesterol HDL?
  • Que consecuencias pode ter un nivel alto de colesterol LDL?
  • Como se pode aumentar o colesterol HDL de forma natural?

Cuestión 7. Análise de ouriños:

  • Que significa que haxa leucocitos e bacterias na urina?
  • A cor e a turbidez da urina son normais? Que poden indicar?
  • Por que aparecen proteínas na urina? É un dato preocupante?

Cuestión 8. Signos e síntomas:

  • A paciente presenta dor ao ouriñar e febre leve. Identifica o signo e o síntoma. 
  • Cres que estes síntomas coinciden cos resultados da súa analítica?

Cuestión 9. Diagnóstico:
Baseándote nos resultados da analítica de sangue e de ouriños, cal destas opcións cres que é a enfermidade que padece a paciente? Explica por que:

a) Gripe b) Cistite (infección urinaria) c) Alerxia d) Diabetes

Cuestión 10. Reflexión:
Se esta fose a túa analítica, que cambios farías na túa alimentación ou hábitos para mellorar os resultados?

Actividade extra: Fai un debuxo representando un glóbulo vermello, un glóbulo branco e unha plaqueta. Indica a súa función en poucas palabras.

 

Avaliación da actividade. 

  • Interpretación correcta dos datos.
  • Organización adecuada da información.
  • Claridade e precisión nas respostas.
  • Propostas razoables de prevención e tratamento.

Esta tarefa será avaliada mediante unha rúbrica e pondera o 30% na nota correspondente a esta unidade didáctica. 

Na aula virtual, na sección corresponte á entrega da tarefa, poderás ver a lista de cotexo coa que se avaliará a actividade. 

Formato de entrega da actividade. 

  • Un único arquivo. 
  • Entregar en formato pdf. 
  • Nomear o arquivo como ApelidosNome-Analise.pdf (Exemplo: GarciaGonzalezMatias-Analise.pdf)

Feito con eXeLearning (Nova xanela)