Saltar navegación

Tipos de Inmunidade

Inmunidade inespecífica

A inmunidade inespecífica

O noso corpo ten diferentes formas de defenderse contra os microorganismos que poden causar enfermidades. A primeira liña de defensa son as barreiras primarias, como a pel e as mucosas, que impiden a entrada dos patóxenos. Pero, que pasa cando estes logran atravesar esas barreiras? Aquí entra en acción a barreira secundaria, que forma parte do noso sistema inmunitario innato.

Apoio visual

Mapa mental das barreiras primarias e secundarias.
Mapa mental
Elaboración propia coa ferramenta Canva (CC BY-SA)

As barreiras primarias ou naturais

O noso corpo ten defensas naturais para evitar que entren os microbios. Estas defensas chámanse barreiras primarias e poden ser de tres tipos:

Audio

Elaboración propia coa ferramenta Narakeet. Transcrición de texto a audio. (CC BY-SA)

As barreiras secundarias

Se un xermolo (axente patóxeno) consegue entrar no noso corpo, actúa a barreira secundaria. Esta barreira ten varios mecanismos para defendernos.

As barreiras secundarias do sistema inmunitario protexen o noso corpo cando os microorganismos entran. A inflamación, a fagocitose e a febre son tres formas de defensa moi importantes. Grazas a elas, evitamos enfermidades graves.

Lectura facilitada

Se un xermolo (axente patóxeno) consegue entrar no noso corpo, actúa a barreira secundaria. Esta barreira ten varios mecanismos para defendernos.

Resposta inflamatoria
Se un microorganismo entra por unha ferida ou outra vía, o noso corpo reacciona cunha inflamación. A inflamación produce:

A zona arrúbiase : aumenta o sangue na zona afectada para levar máis defensas.
Inchazón e dor: as células defensivas chegan máis rápido ao lugar da infección.
Ataque de glóbulos brancos: estas células atacan e destrúen os microorganismos.

Fagocitose
Os glóbulos brancos (ou leucocitos) son células que protexen o noso corpo.

Os macrófagos son un tipo especial de glóbulos brancos. Encárganse de capturar e destruír os microorganismos nun proceso chamado fagocitose. Estes atacan capturan e dixiren internamente os patóxenos. 
Outros glóbulos brancos, como os neutrófilos, axudan a defendernos rápidamente.

Febre como defensa
Ás veces, cando temos unha infección, a temperatura do noso corpo sobe e aparece febre. A febre axuda porque:

Fai que moitos microorganismos crezan máis amodo.
Mellora o traballo das células defensivas.
Axuda a reparar os tecidos danados.

As barreiras secundarias do sistema inmunitario protexen o noso corpo cando os microorganismos entran. A inflamación, a fagocitose e a febre son tres formas de defensa moi importantes. Grazas a elas, evitamos enfermidades graves.

Audio

Transcrición de texto a audio.
Elaboración propia, coa ferramenta Narakeet (CC BY-SA)

Inmunidade específica

A inmunidade específica

O noso sistema inmunitario ten dous tipos de defensas: a inmunidade inespecífica, que ataca calquera microorganismo invasor, e a inmunidade específica, que é moito máis precisa. A inmunidade específica actúa como un sistema de defensa intelixente, recoñecendo cada patóxeno de maneira única e creando unha resposta adaptada a el.

Que son os linfocitos?

A clave da inmunidade específica está nos linfocitos, un tipo de glóbulos brancos especializados en detectar e eliminar microorganismos perigosos. Estes linfocitos teñen memoria, polo que, se un mesmo patóxeno intenta atacarnos de novo, a resposta será máis rápida e eficaz.

Que son os linfocitos? 

Os linfocitos son células do sistema inmunitario que axudan a recoñecer e eliminar os microorganismos que poden facernos enfermar.

Os linfocitos son células especializadas.
Imaxe ao microscopio dun linfocito
Pycril. National Health Institute (Dominio público)

Existen dous tipos principais:

Linfocitos B


Os linfocitos B son como fábricas de armas do sistema inmunitario. A súa función principal é producir anticorpos, unhas proteínas especiais que detectan e marcan os patóxenos para que outras células poidan destruílos. Cada linfocito B produce un anticorpo diferente, específico para un microorganismo.

Como funcionan?

Un patóxeno entra no corpo e o linfocito B recoñéceo.
Actívase e empeza a producir anticorpos.
Os anticorpos únense ao patóxeno, marcándoo como un obxectivo.
Outras células inmunitarias destrúen o patóxeno.

Linfocitos T

Os linfocitos T son os soldados do sistema inmunitario. Hai dous tipos principais:

🔹 Linfocitos T colaboradores: Axudan a coordinar a resposta inmunitaria, activando outras células, como os linfocitos B e os macrófagos.

🔹 Linfocitos T citotóxicos: Encárganse de destruír células infectadas por virus ou células canceríxenas. Son como asasinos especializados que eliminan as ameazas desde dentro.

Como actúan os linfocitos T citotóxicos?

Detectan células infectadas por virus.
Liberen citotoxinas, substancias que destrúen a célula infectada.
Evitan que o virus se siga reproducindo.

As citotoxinas: armas contra as infeccións


As citotoxinas son sustancias químicas liberadas polos linfocitos T citotóxicos para matar células infectadas. Existen distintos tipos de citotoxinas, que funcionan de formas diferentes:

🔹 Algunhas citotoxinas fan buracos na membrana celular, deixando a célula desprotexida. Sen unha membrana completa, a célula morre. A este tipo de morte celular chámaselle lise.

🔹 Outras citotoxinas activan un programa interno na célula que a fai autodestruírse. Este proceso chámase apoptose e é unha forma controlada de morte celular que impide a propagación do virus ou de células anormais.

Como traballan os linfocitos en equipo?

O sistema inmunitario é moi eficiente porque os linfocitos non traballan sós.

En lugar diso, colaboran para detectar os patóxenos, activar as defensas necesarias e destruír as células infectadas.

Este traballo en equipo permite unha resposta rápida e eficaz fronte ás infeccións. O proceso funciona do seguinte xeito:

  • Un virus entra no corpo.
  • Os linfocitos B producen anticorpos que marcan o virus.
  • Os linfocitos T colaboradores activan outras células do sistema inmunitario.
  • Os linfocitos T citotóxicos destrúen as células infectadas usando citotoxinas.
  • O corpo elimina o virus e queda protexido para futuras infeccións.

Este proceso permítenos superar enfermidades e mesmo desenvolver memoria inmunitaria, para reaccionar máis rápido se o mesmo virus nos ataca outra vez.

Exercicios de consolidación

Exercicio 1. Marcos estaba xogando no parque cando caeu e se fixo un pequeno corte na man. Ao cabo dunhas horas, notou que a zona arredor do corte estaba vermella, quente e un pouco inchada. Ao día seguinte, tiña febre e sentíase canso.

a) Que barreiras primarias foron superadas cando Marcos se fixo o corte?
b) Que barreiras primarias seguiron protexendo o seu corpo a pesar da ferida?
c) Por que a zona da ferida estaba vermella e inchada?
d) Que células inmunitarias interviron para eliminar os microorganismos que entraron a través do corte?
e) Como axudou a febre no proceso de defensa do organismo?
f) Que medidas podería tomar Marcos para evitar unha infección máis grave?
g) Como podería o sistema inmunitario innato e adaptativo traballar xuntos para protexelo se a infección empeorase?

Exercicio 2. Lucía foi á escola un día de inverno sen abrigarse ben. Durante a xornada, estivo en contacto con compañeiros que tiñan mocos e tose. Uns días despois, comezou a sentir dor de gorxa, fatiga e conxestión nasal. Máis tarde, apareceu febre leve.

  1. Que barreiras primarias intentaron protexer a Lucía da infección?
  2. Como pode a barreira biolóxica (microbiota) axudar a evitar enfermidades respiratorias?
  3. Que sinais da inflamación aparecen cando alguén ten un arrefriado?
  4. Que papel xogan os glóbulos brancos na loita contra o virus do arrefriado?
  5. Como contribúe a febre á recuperación de Lucía?
  6. Que medidas podería tomar Lucía para evitar contaxiar aos seus compañeiros?
  7. Que hábitos poden fortalecer o sistema inmunitario e axudar a previr infeccións?

Feito con eXeLearning (Nova xanela)