O sistema inmunitario
O sistema inmunitario protéxenos das enfermidades.
É como un escudo que defende o noso corpo contra virus, bacterias e outros microbios. Para facer o seu traballo, necesita órganos, glándulas e tecidos especiais. A súa función principal é producir e enviar linfocitos, un tipo de glóbulo branco que ataca substancias estrañas chamadas antíxenos.
Por que é importante coidar o sistema inmunitario?
Se o sistema inmunitario está débil, enfermamos con máis facilidade. Para coidalo, debemos:
- Comer froitas e verduras. Aliméntate de forma saudable.
- Durmir ben.
- Facer exercicio de forma regular.
- Manter unha boa hixiene. Lavar as mans con frecuencia.
Así, o noso corpo poderá defenderse mellor das enfermidades.
Audio
Apoio visual
Os órganos e glandulas do sistema inmunitario
O sistema inmunitario está formado por:
- Tecidos e órganos que producen, almacenan e transportan os glóbulos brancos (leucocitos) xa que son os encargados de combater as infeccións e outras enfermidades. Son a médula ósea, o bazo, o timo, os nódulos linfáticos, os vasos linfáticos (rede que transporta a linfa e os glóbulos brancos).
- Glándulas como as adenoides ou as amígdalas que atrapan os patóxenos nos seus tecidos.
Medula ósea
É un tecido brando dentro dos ósos.
Produce todos os glóbulos do sangue, incluídos os linfocitos.
Forma dous tipos de linfocitos: células T e células B.

Timo
Órgano pequeno situado no peito, detrás do esternón.
As células T crecen e maduran aquí durante a infancia.
Co paso dos anos, o timo redúcese, pero as células T xa formadas seguen funcionando.

Bazo
Está no lado esquerdo do abdome, detrás do estómago.
Contén glóbulos brancos que detectan antíxenos (substancias estrañas) no sangue e dan a orde de actuar.
Filtra o sangue e destrúe células vellas ou danadas.

Ganglios linfáticos e vasos linfáticos
Os vasos linfáticos recollen residuos e microorganismos do corpo.
O líquido que transportan chámase linfa e pasa polos ganglios linfáticos, que están no pescozo, as axilas, a ingle e noutras partes do corpo.
Os ganglios filtran e destrúen os microbios, activando os linfocitos cando é necesario.
Amígdalas e adenoides
Están situadas na gorxa e no nariz.
Detectan microorganismos perigosos e activan o sistema inmunitario.

Audio
Apoio visual
As enfermidades do sistema inmunitario
Ás veces, o sistema inmunitario non funciona ben e aparecen enfermidades.
Os trastornos máis comúns ocorren cando:
Trastorno autoinmunitario
O sistema inmunitario ataca por erro partes do propio corpo. Un exemplo é a esclerose múltiple.
Inmunodeficiencia
O sistema inmunitario non pode defenderse ben dos microbios. Pode ser hereditaria ou adquirida, como no caso da SIDA, causada polo VIH.
Alerxia
O sistema inmunitario reacciona de forma esaxerada contra substancias inofensivas. Ocorre con substancias como o pole ou os ácaros, provocando inflamación e dano nos tecidos sans.