E ti... que tes entre mans?
As nosas mans, esas compañeiras esquecidas que empregamos a diario pero que por un motivo ou por outro rematan por pasar desapercibidas, verdade? No ámbito musical acontece todo o contrario, xa que tal e como acabades de ler, o certo é que nesta disciplina artística temos a posibilidade de falar empregando soamente as nosas mans. Mediante a linguaxe de signos, unha persoa pode transmitir información musical moi valiosa, coma por exemplo o nome das notas que quere interpretar, a súa duración ou intensidade, ou incluso dirixirse a un músico en concreto para que interprete unha melodía. E senón que lle pregunten a un/unha director/a, xa que o seu medio de comunicación principal cos músicos son as súas mans!
Pero para entendernos, primeiro todos deberemos aprender a falar a mesma linguaxe, e se queremos logralo deberemos adestrar as nosas mans para que coñezan cada un dos xestos que imos a precisar! Comezaremos aprendendo unha técnica coñecida como fononimia, que relaciona cada unha das notas que compoñen a escala musical cun xesto específico das nosas mans, de maneira que podemos interpretar unha melodía simplemente con ollar a unha persoa que nos dirixa e comparta o mesmo código. Así que agora máis que nunca... MANS Á OBRA!
Nota DO
A primeira nota da escala, a nota DO, realízase co puño pechado e en posición horizontal, cunha lixeira tendencia a apuntar cara abaixo. A idea é que transmita a sensación de forza e estabilidade.
Nota RE
A segunda nota da escala, a nota RE, realízase coa palma da man estirada boca abaixo mantendo un ángulo de 45º, de maneira que se presenta inclinada e a medio camiño entre a nota DO (inferior) e a nota Mi (superior). Pola súa posición transmite sentimento de incertidume e inseguridade.
Nota MI
A nota MI represéntase coa man estirada completamente horizontal, coa palma da man boca abaixo e ben aberta, de forma que da a impresión de calma e tranquilidade.
Nota FA
A nota FA, represéntase coa man pechada e o pulgar apuntando cara abaixo, dada a súa tendencia natural a resolver na nota MI, a súa compañeira inferior.
Nota SOL
O SOL é unha das notas máis importantes da escala musical, xa que é a nota que indica a clave de sol ao comezo do pentagrama. Realízase coa man aberta e a palma cara o noso corpo, trasmitindo unha sensación de descanso.
Nota LA
A forma da nota LA semella un tellado; a súa posición natural apunta cara abaixo por mor das moitas ocasións que descende cara a nota sol.
Nota SI
A última nota da escala e o SI, e como vedes a man colócase apuntando cara arriba co dedo índice, que nos indica a tentación que ten esta nota de ascender sempre cara a primeira da escala, o DO.
Se o precisades podedes visualizar ou ben descargar o documento con todas as indicacións para realizar a fononimia do conxunto das notas da escala a continuación.