Quen está a dirixir?
Na seguinte actividade deberemos adestrar a nosa habilidade de disimulo! Lembrades o rol que ten a persoa encargada de dirixir aos intérpretes nunha gravación, non si? O normal é que todos os participantes coñezan de antemán quen é o director ou directora, para poder atender as súas indicacións sen trabucarse... e que ademais é a única persoa que se sitúa en fronte da banda! Pois ben, neste xogo cambiaremos un pouquiño as normas... xa veredes!
Xogaremos con tres tipos de participantes:
- Director/a: creará as indicacións improvisando, e para iso pode empregar a percusión corporal, o movemento ou o canto da forma que considere. Total liberdade!
- Músicos: copiarán en todo momento as indicacións da persoa encargada de dirixir.
- Inspector/a: abandonará o espazo cando se escolla a persoa que dirixe, e será chamado/a unha vez a orquestra comece a tocar! Desta maneira non coñecerá a identidade da persoa que dirixe... ata que o adiviñe!
Luces...
Para comezar formaremos un círculo amplio, con espazo dabondo para poder movernos sen problema. Unha vez no noso sitio, tocará escoller á persoa que xogará o rol de inspector/a. Todos os participantes deberán saber quen desempeñará o papel de inspector/a, de maneira que o faremos públicamente, e unha vez nomeado/a deberá alonxarse do grupo (o ideal é abandonar a estancia) para non presenciar o nomeamento da persoa encargada de dirixir que realizaremos a continuación.
Cámara...
Unha vez o/a inspector/a abandona o espazo, nomearemos á persoa encargada de dirixir sen decir o seu nome, de maneira que así evitaremos que sexa escoitado. Como é de agardar, o director ou directora será a figura encargada de idear os movementos, modificalos e cambialos ao tempo que considere, mentres que o resto de persoas xogarán o papel de músicos de orquestra e copiarán en tempo e forma todas as súas indicacións. Iso si, lembrade disimular un pouco e non mirar todo o tempo o director, xa que o inspector terá máis fácil darse de conta!
Acción!
A persoa que dirixe comeza a súa intervención, e todos os músicos deberán facer exactamente o mesmo. Cando todo o grupo estea participando darémoslle a entrada ao inspector para que comece a súa investigación musical.
O director deberá cambiar de forma de tocar constantemente, aproveitando os anacos de tempo nos que o inspector non estea mirando. Aquí se deixan algunhas suxerencias:
- Saltos a pés xuntos
- Palmas (nos xeonllos, no peito, etc)
- Camiñar no sitio
- Imitacións de instrumentos...
O inspector dispoñerá de tres intentos permitidos para adiviñar! De non acertar, será o director o que ocupará o posto de inspector na seguinte quenda.
No seguinte vídeo podedes atopar unha demostración do xogo para non perderse!