Quen dirixe o cotarro?
Dirixir é algo moi persoal, e cada director ou directora ten o seu propio xeito de facelo, o seu propio style. Hainos máis enérxicos, con movementos fortes e espaventos, ou pola contra tamén podemos atopalos cunha maneira de dirixir máis comedida, ou incluso nalgunhas ocasións case apática. Isto supón todo un reto para os integrantes das orquestras, que teñen que adaptarse a forma de expresión da persoa que os dirixe para coñecer como quere interpretar a música, un proceso que leva tempo e require de moito adestramento. Algo semellante acontecería no mundo do deporte cando se troca o adestrador dun clube, xa que aínda que no equipo continúan os mesmos xogadores os resultados poden ser completamente diferentes, verdade? A diferenza principal é que no ámbito musical nin se gaña nin se perde, claro! A pesar de todo, existe un consenso universal nas pautas de dirección, de maneira que todos os directores e directoras empregan unha linguaxe común que tódolos intérpretes poden identificar. Queredes coñecer cales son? Pois botádelle unha ollada máis a fondo navegando polas seguintes lapelas!
Maneiras de dirixir
Poderiamos dicir que existen dúas correntes principais de dirección neste senso, as persoas que empregan a batuta e as que non o fan. Por certo moito ollo con nome... xa que non é nin varita (esa é a de Harry Potter) nin batata (que significa patata en portugués), creédeme que se fago esta aclaración é porque se mesturan con frecuencia. Velaquí tedes unha imaxe:
Pois ben, en realidade non ten moito que contar... trátase dunha vara curtiña, ben sexa de madeira ou outro tipo de material moderno, que a persoa que dirixe emprega para estilizar os seus movementos, e sobretodo, para marcar os pulsos do compás da peza dunha forma clara. Na antigüedade os directores acostumaban a dirixir empregando o pé, engadíndolle ó zapato unha peza de madeira ou ferro para que ao golpear co chan todo o mundo puidera escoitar o pulso da obra... un exercicio realmente agotador e pouco serio. Máis tarde comezaron a empregarse unhas varas longas e pesadas (de dous metros de longo) coas que novamente se percutía o chan para facer ruido. A procedencia da batuta moderna non está clara, pero todo apunta a que foi popularizada no século XVI polo compositor francés Jean-Baptiste Lully, que comezou a empregala despois de ter un accidente laboral ca súa predecesora (digamos que esmagou o pé ó empregar aquela pesada vara de madeira) e tivo que buscar un remedio para poder dirixir. Curioso, non si?
A linguaxe das mans
Primeiro deberemos explicar que a persoa que dirixe o fai de costas ao público, e ubícase nunha posición elevada (sobre un pequeno pedestal) para que todos os intérpretes a poidan visualizar de fronte sen problemas. Como imaxinades non pode falar, polo que a súa única vía de comunicación serán as súas mans, de maneira que poderíamos dicir que falará coas mans. E para conseguilo, cada unha delas desenrolará unha función determinada, que podedes coñecer deseguido.
Man dereita
Xeralmente esta é a man na que se coloca a batuta, e polo tanto será a encargada de indicar o pulso da obra. En función do número de movementos e a súa dirección aportará información ós intérpretes sobre o tipo de compas, a velocidade do pulso, o ritmo e o carácter.
Man esquerda
A man esquerda xoga un papel máis expresivo, e entre as súas funcións principais están a de controlar as dinámicas musicais (o volume, a expresión, etc) ou indicar as intervencións das diferentes seccións orquestais ou intrumentos solistas.
Exemplo gráfico
Como ben sabido é que unha imaxe vale máis que mil palabras, agora deberedes prestar especial atención a figura do director no seguinte vídeo. Trátase dunha peza chamada Czardas, composta por Vittorio Monti no ano 1904 e baseada nos bailes folclóricos de Hungría. É certo iso de que a persoa que dirixe pode falar coas mans? Comprobámolo!