Saltar navegación

Música e letra

Sincronizando acentos

Ilustración del concepto de poesía
storyset (Freepik). Ilustración del concepto de poesía (CC BY)
Sapajou. Second Googbye (CC BY)

Escoitades iso? Que ben soa cando todo vai xuntiño! A música e o texto teñen unha relación moi íntima nas cancións; o certo é que existe unha sincronización moi delicada entre os dous elementos para que a música vocal funcione. Ambos teñen que encaixar á perfección, intentando compaxinar os acentos musicais cos golpes de voz das sílabas que forman as diferentes palabras da letra. Xeralemente, a sílaba tónica da palabra debe encaixar co pulso forte na música, para manter así aunha acentuación correcta. Parece moi complexo... pero non o é!

Como xa coñecedes, as diferentes figuras da linguaxe musical poden presentar distinto número de golpes de voz en función da súa duración, e para facilitar un pouco o choio nunha das unidades anteriores ideáramos uns alcumes para chamalas de forma sinxela, facendo que coincidiran os seus nomes co número de golpes de voz das mesmas. Imos a lembrar cales eran para refrescar un pouquiño a memoria! Picade na seguinte lapela para botarlle un ollo ou ben descargar o arquivo. 

Táboa de figuras musicais e silencios

Deseguido atoparedes unha imaxe en formato táboa onde se amosan as diferentes figuras musicais que coñecemos, detallando a súa duración (en número de pulsos) e incluíndo tamén o seu correspondente silencio. Pola súa importancia, o silencio conta coas súas propias figuras musicais, que nos permiten darlle un certo valor a cada pausa na linguaxe musical dentro dunha partitura. O certo é que existe un tipo de silencio por cada figura musical que coñecemos, e comparte o seu mesmo valor. Non por non escoitarse é menos importante! As pausas na linguaxe e na música son fundamentais, xa que facilitan que se entenda a mensaxe e permítennos respirar entre frase e frase. Podedes descargar a imaxe premendo AQUÍ

Táboa de figuras e silencios
Iván Suárez. Táboa de figuras e silencios (CC BY-NC-SA)

Táboa de figuras musicais e alcumes

Como xa adiantamos, ideáramos uns nomes coñecidos (alcumes) para chamar a cada unha das figuras de forma sinxela, facendo que coincidiran os seus acentos co número de golpes de voz. Poderíamos dicir que é un paso intermedio antes de idear unha letra, e deste xeito resulta máis sinxelo construír pequenos fragmentos de ritmo e melodía conxunta, sen necesidade de crear unha letra diferente para cada combinación. Novamente podedes descargar a imaxe premendo AQUÍ.

Táboa alcumes figuras musicais
Iván Suárez. Táboa alcumes figuras musicais (CC BY-NC-SA)

Táboa de alcumes, golpes de voz e sílabas 

Finalmente, para compoñer unha letra empregando a linguaxe convencional deberemos prestar especial atención ó número de golpes de voz (sílabas) que teñen as palabras que escollemos, e que estas coincidan coa acentuación musical. De maneira que os pulsos fortes recaerán sobre as sílabas tónicas sempre que sexa posíbel, para sincorinizar unha boa acentuación de música e texto. Na seguinte imaxe amósanse algunhas propostas para as diferentes figuras, pero as posibilidades son infinitas (como case infinitas son as palabras da nosa lingua). Podédela descargar facendo clic AQUÍ.

Táboa de sílabas e golpes de voz
Iván Suárez. Táboa de sílabas e golpes de voz (CC BY-NC-SA)

Feito con eXeLearning (Nova ventá)