DESCRICIÓN DA UNIDADE
INTRODUCIÓN
O presente Obxecto Dixital Educativo (en adiante ODE) representa unha secuencia didáctica completa dentro do proxecto presentado para a concesión da licenza, baixo o título "ObraDOiro MuSIcal", e a súa secuenciación correspóndese coa unidade número cinco dentro da estrutura do mesmo.
Tal e como se detalla na proposta de proxecto, o seu obxectivo principal é lograr unha aproximación efectiva do alumnado cara a industria musical, a prol de discriminar as principais profesións que integran o sector, recoñecer e valorar a labor de cada unha das persoas que interveñen neste proceso de principio a fin. Na súa liña de acción principal o alumnado creará a súa propia produción musical, experimentando de maneira activa todas as etapas progresivas para logralo e relacionándoas coas achegas dos profesionais en cada ámbito.
Nesta secuencia didáctica en concreto crearemos unha letra adaptada á melodía elaborada na unidade anterior, prestando especial atención a coincidencia de acentos musicais e prosódicos, incidindo para logralo nos tipos de compases simples e a distribución dos seus pulsos, repasaremos as principais figuras que compoñen a linguaxe musical e os seus valores, faremos unha aproximación á lectura non convencional empregando as sílabas rítmicas (Z. Kodaly), e coñeceremos un xénero musical popular galego baseado na improvisación dialéctica como é a regueifa.
Na súa estruturación interna esta unidade conta cunha sección inicial que actúa a modo de introdución e/ou contextualización dos contidos da unidade coñecida como “INTRO”, e presenta tamén unha sección final de ampliación denominada “¿SABÍAS QUE?”.
* As referencias sobre os distintos elementos curriculares que se amosan a continuación se elaboraron en base ó establecido para o nivel educativo de quinto curso de educación primaria no Decreto 155/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.
OBXECTIVOS DIDÁCTICOS
A través desta unidade, o alumnado traballará os seguintes obxectivos de área:
OBX1. Descubrir propostas artísticas musicais e dancísticas de diferentes xéneros, estilos, épocas e culturas, a través da recepción activa, para desenvolver a curiosidade, a sensibilidade, o pensamento crítico e o respecto pola diversidade.
OBX2. Recoñecer os elementos básicos específicos da linguaxe musical, a través da percepción e da análise de diferentes fragmentos e obras, para chegar á comprensión das diferentes manifestacións culturais e artísticas.
OBX3. Investigar sobre diferentes manifestacións culturais e artísticas musicais e dancísticas e os seus contextos, empregando diversas canles, medios e técnicas, para gozar delas, entender o seu valor, así como desenvolver o pensamento e unha sensibilidade artística propia.
OBX4. Expresar e comunicar de maneira creativa ideas, sentimentos e emocións, experimentando coas posibilidades do son, do corpo e dos medios dixitais, para producir obras propias.
OBX5. Participar do deseño, elaboración e difusión de producións culturais e artísticas musicais e dancísticas, tanto individuais coma colaborativas, poñendo en valor o proceso e asumindo diferentes roles na consecución dun resultado final, para desenvolver a creatividade, a noción de autoría e o sentido de pertenza.
No referente a obxectivos didácticos podemos detallaros seguintes:
- Coñecer e por en valor a figura do/a cantautor/a, a súa importancia dentro da industria musical e as súas funcións.
- Realizar un repaso polas principais figuras que compoñen a linguaxe musical convencional, a súa duración e os correspondentes silencios.
- Tomar conciencia da importancia do silencio como ferramenta musical e oratoria.
- Comprender a distribución de pulsos e acentos nos compases de subdivisión binaria 2/4, 3/4 e 4/4.
- Crear e manexar estruturas rítmicas adaptadas aos diferentes compases e coñecer a matemática musical relacionada cos valores das figuras.
- Lembrar a linguaxe non convencional basada na prosodia rítmica (Z. Kodaly) e empregala para a audición activa, improvisación e movemento corporal asociado.
- Coñercer a regueifa como xénero popular galego.
CONTIDOS
En relación ó establecido no currículo de referencia os contidos traballados son os seguintes:
Bloque 1. Educación musical: percepción e análise.
▪ Estratexias de recepción activa. // ▪ Profesións vinculadas á creación e interpretación musical. Coñecemento e valoración. // ▪ O pulso, o acento e o compás: identificación e diferenciación entre compás binario, ternario e cuaternario. Introdución ao concepto de subdivisión. // ▪ Vocabulario específico de música. //▪ Recursos dixitais de uso común para música. // ▪ Normas elementais de comportamento e actitude positiva na recepción de propostas musicais. O silencio como elemento e condición indispensable para manter a atención durante a audición.
Bloque 2. Educación musical: creación e interpretación.
▪ Práctica instrumental, vocal e corporal: experimentación, exploración creativa, interpretación, improvisación e composición con pautas guiadas a partir das súas posibilidades sonoras e expresivas. Respiración consciente e hixiene e corrección postural. // ▪ Linguaxes musicais: aplicación dos seus conceptos fundamentais na interpretación e na improvisación guiada de propostas musicais vocais e instrumentais. O silencio como elemento fundamental da música: utilización adecuada na interpretación musical. // ▪ Aplicacións informáticas de gravación, edición de audio e edición de partituras: utilización guiada na audición, coñecemento, interpretación, gravación, reprodución, improvisación e creación de obras diversas. // ▪ Fases do proceso creativo: planificación, interpretación, experimentación e avaliación. // ▪ Avaliación, interese e valoración, tanto do proceso coma do produto final, en producións musicais.
Bloque 3. Educación en artes escénicas e performativas: percepción e análise.
▪ Profesións vinculadas ás artes escénicas e performativas. Coñecemento e valoración. // ▪ Recursos dixitais de uso común para as artes escénicas e performativas. // ▪ Normas de comportamento e actitude positiva na recepción de propostas vinculadas coa expresión corporal e dramática en diferentes espazos culturais e artísticos. O silencio como elemento e condición indispensable para manter a atención durante a recepción.
Bloque 4. Educación en artes escénicas e performativas: creación e interpretación.
▪ O corpo e as súas posibilidades motrices, dramáticas e creativas: interese na experimentación e exploración a través de execucións individuais e grupais vinculadas co movemento, coa danza, coa dramatización e coa representación teatral como medio de expresión e diversión. // ▪ Capacidades expresivas e creativas básicas da expresión corporal e dramática. Gozar como forma de interacción social, recurso expresivo e emotivo e deleite estético. // ▪ Fases do proceso creativo: planificación, interpretación, experimentación e avaliación. // ▪ Avaliación, interese e valoración, tanto do proceso coma do produto final, en producións escénicas e performativas.
METODOLOXÍA
A metodoloxía a empregar nesta unidade fomenta a adquisición de coñecemento mediante o descubrimento guiado. O modelo de aprendizaxe plantexa unha visión constructivista da intervención pedagóxica para acadar un aprendizaxe significativo no alumnado.
O método didáctico responde a unha metodoloxía específica por ámbitos, de maneira que se seleccionan contribucións de autor diversas en función das necesidades educativas que plantexa cada actividade. A continuación se detallan os métodos pedagóxicos empregados especificando o autor e as actividades que os integran:
- Sílabas rítmicas (Z. Kodaly)- "Cada cousa polo seu nome" / "Silabando"
- Dictado de intensidades (M. Martenot) - "Cardiograma musical"
- Prosodia rítmica (C. Orff)- "Silabando" / "Hip-hop made in Galicia"
ORIENTACIÓNS METODOLÓXICAS
A figura docente está disposta neste proxecto como axente facilitador da aprendizaxe, de maneira que sexa o propio alumnado o protagonista do seu procedemento de ensino-aprendizaxe dende unha visión activa. O docente exercerá de mediador, con especial relevancia nos puntos de inicio (explicación das tarefas) e nas situacións de debate ou actividades grupais, tentando sempre limitar as súas intervencións na medida do posíbel.
O tempo de realización das propostas didácticas establecido, así como a distribución do espazo e a formación de grupos de traballo é orientativa, sendo susceptíbel de ser modificada a criterio docente en función das necesidades da súa realidade educativa.
Os métodos didácticos anteriormente citados poden ser tamén adaptados na práctica se así se considera, na procura de adecuar as actividades ao noso contexto próximo (dotación instrumental de aula, recursos materiais, distribución des espazos...)
COMPETENCIAS CLAVE
Competencia en comunicación lingüística (CCL): estará presente en tódolos intercambios orais que se desenvolvan na aula nos seus diferentes rexistros (espazos para o debate, exposicións) no coñecemento e uso dunha linguaxe técnica precisa adecuada a esta disciplina artística e no uso de linguaxe musical en relación a creación de letras ou a improvisación rítimica.
Competencia persoal, social e de aprender a aprender (CPSAA): mediante a inmersión do alumnado nun método de aprendizaxe activo, que implica a interiorización de conceptos tratados na aula desde unha perspectiva máis ampla, que permite a súa implementación en diferentes contextos. De igual xeito derivada dun comportamento axeitado nas distintas situacións de ensino-aprendizaxe durante o desempeño das tarefas. Unha actitude prosocial e participación activa, así como o coñecemento das regras de convivencia, o respecto aos seus iguais, a tolerancia ás diferentes opinións e a distribución do traballo.
Competencia plurilingüe (CP): Amósase na audición activa de obras musicais en lingua estranxeira, xunto coa aproximación a vocabulario específico propio do ámbito da produción musical que tamén emprega terminoloxía en inglés.
Competencia cidadá (CC): presente no tratamento de información relacionada coas profesións que integran o panorama musical actual, a labor que desempeñan e o seu recoñecemento. Tamén o coñecemento de diferentes culturas e tradicións, épocas e xéneros musicais contribúen na adquisición desta competencia.
Competencia dixital (CD): adquirida no emprego de aplicacións e plataformas específicas na rede para o desenvolvemento das actividades.
Competencia emprendedora (CE): en liña co eixe do proxecto, a posibilidade por parte do alumnado de adquirir o desempeño competencial suficiente para completar o proceso de produción musical de maneira autónoma, representa un recurso moi relevante para xestionar as súas inquedanzas e iniciativas nun futuro próximo. O coñecemento da industria musical e as profesións relacionadas, supón unha posibilidade de emprendemento tanto a nivel individual como colectivo, xa sexa como integrante dunha agrupación musical ou ben dende a perspectiva lúdica da produción sonora.
Competencia en conciencia e expresión culturais (CCEC): mediante a selección dun repertorio amplo e variado, podemos facer un enfoque sociocultural a través dos diferentes períodos que conforman a historia da música e tratar as distintas manifestacións artísticas en función da súa situación xeográfica, xéneros e artistas máis representativos.
AVALIACIÓN
O procedemento de avaliación desta unidade didáctica está baseado na aprendizaxe por descubrimento guiado, de maneira que é o discente o que realiza a súa autoavaliación interactiva e recibe en tempo real a retroacción correspondente a través da propia plataforma. Neste senso, empregaranse instrumentos de avaliación de índole variada para enriquecer e potenciar a capacidade de resolución de problemas e o pensamento lóxico. Os instrumentos a empregar detállanse a continuación:
- Actividades de selección múltiple (varias das opcións propostas como resposta poden ser correctas)
- Actividade de encher os espazos (completar os ocos nunha oración coa palabra axeitada)
- Lista desordenada (enumerar os elementos nunha listaxe)
- Actividade de resposta única (soamente unha opción é correcta a escoller entre varias)
- Xogos de relacionar elementos do temario mediante a audición activa e o recoñecemento de imaxes
RECURSOS MATERIAIS
Para levar a cabo as diferentes propostas didácticas desta unidade precisaremos soamente dun dispositivo con conexión a internet para facer as actividades complementarias que requiran de conexión á rede.
A continuación amósase a listaxe de referencias multimedia empregadas para a elaboración deste ODE.