A todo pulmón!
A FAMILIA DE VENTO
Como podedes imaxinar, todos os instrumentos que forman esta familia teñen en común que empregan a forza do aire para producir o son. Poden empregar o aire que botamos soprando dende os pulmóns, ou ben dispor dalgún mecanismo ou aparello que faga este traballo por nós... así non nos quedamos sen respiración! Dentro desta familia tamén podemos atopar unha clasificación sinxela, dependendo do mecanismo que emprega cada instrumento para facer ruido. É unha familia peculiar, e coñeceremos todos os seus membros nun momentiño. Seguide lendo!
VENTO MADEIRA
Os instrumentos de vento madeira presentan unha boquilla, peza que se coloca na boca para poder soprar e enviar o aire dos nosos pulmóns a través de todo o instrumento. A súa característica principal é que precisan dunha fina cana de madeira, tamén coñecida como palleta, que vibra ao pasar por ela o aire producindo o son.
Podemos dicir que o seu timbre adoita ser cálido, delicado e moi melódico, e non se precisa unha gran cantidade de aire para producir o son.
Pero... non vos enganedes! Existen instrumentos fabricados en metal que pertencen á familia de vento madeira, polo simple feito de precisar unha palleta de madeira para funcionar. A continuación podedes ver unha imaxe real dunha boquilla de clarinete, coa cana de madeira na parte de abaixo.
VENTO METAL
Os instrumentos de vento metal tamén presentan unha boquilla para poder soprar, claro, pero está fabricada en metal por completo e ten unha forma redondiña como a que podeder ver na imaxe. O seu timbre sen embargo é potente e brillante, xa que precisamos moita cantidade de aire para producir o son. Como non teñen palleta, o que fan os músicos que os tocan é vibrar os seus propios beizos e transmitir esta vibración ó instrumento. Parece complicado, verdade?
VENTO MECÁNICO
Por último, imos a coñecer os familiares máis especiais; os instrumentos de vento mecánico. Coma son moi vagonetas, empregan aparellos ou mecanismos propios para conseguir producir o aire sen necesidade de soprar. Polo xeral mediante sistemas de foles coma os que tedes na imaxe poden tocar e cantar ao mesmo tempo... todo un choio!