Crebacabezas
Poderíamos dicir que compoñer unha peza musical parécese bastante a montar un crebacabezas. Debemos prestar especial atención a como encaixan cada unha das súas partes no conxunto; forman un único elemento rematado pero cada unha delas cumple unha función determinada individualmente. Na música acontece o mesmo, xa que a canción que escoitamos pode estar tocada por varias persoas que forman un único grupo, pero cada unha delas ocúpase dunha cousa concreta. O batería leva o ritmo, a guitarra fai eses efectos tan chulos, o piano realiza os acordes mentres a voz canta a letra... e todo isto prodúcese a un mesmo tempo. Moita coordinación! Cando falamos de como se estructura unha canción e qué función desempeña cada unha das súas partes estamos a falar da textura. Existen dous grandes tipos de textura musical, que podedes coñecer en profundidade navegando polas seguintes lapelas.
Textura homofónica
O prefixo homo provén do latín, e significa "igual ou semellante". Esta pequena pista indícanos que neste tipo de textura musical as pezas do crebacabezas son exactamente iguais, polo que actúan da mesma maneira. Pode ser realizada por unha ou varias persoas (vocal ou instrumental), pero todas tocan a mesma melodía e ao mesmo tempo. O resultado é algo así coma cando un a afección estadio canta unha canción para animar ao seu equipo; son multitude de voces que avanzan a un mesmo son, fenómeno coñecido como "unísono".
Velaí vai un pequeno exemplo a coro, moitas persoas (homes e mulleres) que nesta ocasión cantan a mesma melodía do Himno de Galicia ao mesmo tempo. Impresiona!
Textura polifónica
Neste caso o prefixo poli significa "moitos", o que quere dicir que neste tipo de textura musical cada unha das pezas é diferente ás demais, e ten a súa propia función dentro do conxunto. En ocasións diferencialas pode resultar algo complexo, debido a que pode haber partes que desempeñen un papel un pouco menos vistoso. É unha textura amplamente empregada en tódolos xéneros musicais, habitual en agrupacións de varios/as integrantes para construír unha base de acompañamento. O resultado final é unha obra equilibrada e divertida, porque cada persoa xoga un papel distinto.
Botádelle un ollo (mellor dito, unha orella) a seguinte canción para comprender mellor como funciona!
Melodía acompañada
A textura polifónica máis empregada na música comercial coñécese como melodía acompañada, onde existe unha peza (xeralemente a voz) que destaca por enriba de todas as demais, pero que ao mesmo tempo precísaas para darlle un sentido completo a esa canción. Será a textura que empreguemos para a nosa canción, xa que cantaremos a melodía da nosa letra ao tempo que temos o apoio dunha base musical de fondo... creada por nós!
A continuación podedes escoitar un exemplo para este tipo de textura que, de seguro, estades cansos/as de escoitar na radio!
É moi frecuente dentro da música vocal cunha textura de melodía acompañada a presenza de espazos curtos nos que destaca un instrumento que, ata entón, formaba parte do acompañamento. Este fenómeno coñécese co nome de solo, e emprégase para desviar o foco de atención da persoa que canta e introducir unha pausa cun elemento innovador para romper a monotonía, de maneira que a canción non sexa igual durante todo o tempo.