Subir ou baixar... esa é a cuestión
- Duración:
- 15
- Agrupamento:
- Ilimitado
Como acabamos de comentar, o xénero da música electrónica non adoita empregar instrumentos reais, senón que máis ben utilízanse sintetizadores, capaces de modificar a frecuencia dos sons alterándoa cara arriba ou cara abaixo. Desta maneira cando alteramos un son subindo a súa frecuencia estamos converténdoo nun máis agudo, pero pola contra cando baixamos a súa frecuencia o son resultante será máis grave. Estaremos xogando cunha cualidade da música que se coñece como a altura.
As orixes
Para realizar a seguinte actividade debémonos remontar uns anos atrás. Un dos primeiros aparellos capaz de modificar a altura do son, considerado como o pai do sintetizador moderno, foi o theremin. Como non podía ser doutra maneira, leva o nome do seu inventor, Leo Theremin, que o descubriu aló polo ano 1920. Unha máquina moi rudimentaria que empregaba as ondas magnéticas para variar a frecuencia da música... e que a verdade ten un toque fantasmagórico. Non perdades ollo!
INSTRUCIÓNS DO XOGO
Para realizar a actividade empregaremos unha ferramenta dixital moi sinxela, que tamén modifica a altura do son. Trátase do "oscillator", algo así como un theremin moderno que forma parte do Laboratorio Musical de Google. No seguinte enderezo podedes acceder á ferramenta directamente. Por se o precisades, deseguido atoparedes algunhas indicacións sobre como empregar a ferramenta xunto cun vídeo-titorial.
CÓMO MANEXAR O MEU OSCILLATOR
É moi sinxelo, para comezar podemos escoller primeiro o que máis nos guste empregando as frechas laterais para desprazarnos. Segundo, probar a modificar a súa altura para emitir distintos tipos de sons, agudos e graves. Se deixades de premer na icona, ou o facedes de xeito alterno, poderedes facer pausas entre os diferentes sons. Como terceiro paso, intentade crear algunhas melodías musicais de xeito creativo!
Agora si, chegou o momento final! Seguindo as mesmas pautas que tedes no titorial enriba, realizaremos a nosa primeira mestura DJ. Para facelo simplemente empregaremos unha base musical de fondo, que deixaremos reproducindo en todo momento mentres fedellamos co noso oscillator. De novo, podedes ver o resultado no seguinte vídeo-titorial.
Tedes diferentes estilos de acompañamento, probade co que máis vos guste!