Unha viaxe pola Francia do rei Sol!
Recoñeces o canon que acabamos de traballar?
Trátase do comezo da Sonata nº 2 en Si b da compositora barroca Élisabeth Jacquet de La Guerre (1667 - 1729).
Foi unha das máis coñecidas por aqueles tempos. Non só foi unha grande intérprete do clavecín, senón que tamén dedicou a súa vida profesional á composición.
Destacou como nena prodixio desde idade moi temperá. Nos diarios parisinos aparecen críticas dalgunhas das súas actuacións nas que se pode ler: “canta as cousas máis difíciles, toca o clavicémbalo e é capaz de acompañarse a si mesma (…), compón música e pode facelo en todas as tonalidades”. Era tal o seu talento, que o rei Sol, Luís XIV, foi o seu mecenas neses primeiros anos. Moitas das obras que compuxo, dedicaríallas.
En 1694, a Real Academia de Música Francesa estrearalle a súa ópera Céphale et Procris, conseguindo un gran éxito e en 1708 sae o primeiro libro de cantatas en lingua francesa da historia. O seu éxito era tal, que ata chegou a recibir o encargo dun coral para festexar a recuperación dunha enfermidade do rei Luís XV.
A obra que interpretamos é unha sonata, unha das moitas que compuxo e que supoñen unha contribución fundamental dentro da evolución deste xénero en Francia.