Relaxación e respiración!
Como xa traballamos durante todo o curso anterior, antes de comezar a cantar, temos que facer unha serie de exercicios para que a nosa voz, que será o noso instrumento, non sufra danos.
Colocámonos de pé e en círculo para vernos os uns aos outros.
Os exercicios de relaxación os podedes facer antes de tocar o voso instrumentos; tamén podedes probar a facelos coas vosas familias, xa veredes que bo rato pasades!

Este exercicio de relaxación é un bo comezo.
Colocamos os brazos caídos moi relaxados, pernas separadas e facemos un movemento moi lento do corpo cara os lados.
Exercicio de relaxación no que faremos círculos suaves cara un lado e despois cara o outro coa cabeza.
Sacudimos as mans e imos subindo ata que o facemos con todo o brazo.
Sacudimos brazos, pernas e cabeza para relaxar todo o corpo; deixámonos caer cara adiante con todo o corpo frouxo.
Unha vez feitos os exercicios, imos falar da respiración, unha das partes máis importantes para cantar.
A respiración que temos que empregar é a respiración diafragmática, centrada no diafragma.
Non podemos empregar os ombreiros cando collemos o aire. Temos que recollelo no diafragma: este ten que incharse para saber que o facemos correctamente.
Para practicar este tipo de respiración, o primeiro que faremos é un exercicio tombados no chan.
Pechamos os ollos, poñemos unha man no diafragma, e respiramos polo nariz, notando como se incha a barriga; soltamos o aire moi amodo pola boca, contando ata 5.
Repetirémolo tantas veces como necesitemos para controlalo.
Sentámonos nunha cadeira, coas costas rectas, e imitamos a unha serpe (shhhhh), collendo o aire polo nariz, notando como se incha a barriga, e soltando o aire moi amodo facendo o son.
Agora, seguimos con exercicios de respiración, collendo o aire polo nariz e soltando amodo pola boca, pero con movemento:
- recollendo frores: levantamos ambos brazos como se recolleramos un cesto de frores á vez que repiramos.
- movendo a cabeza: a cabeza vai de lado a lado mentres respiramos.
- movendo os brazos: xuntamos as mans diante do corpo e ímolas abrindo cara a fóra mentres respiramos.
Todos este exercicios teñen que axudarnos a comprender que a voz é impulsada cara arriba pola columna de aire, como unha pluma levada polo vento.