As actividades económicas do sector primario relacionadas coa agricultura e a gandería reciben o nome de actividades agropecuarias. Comprende polo tanto as actividades do sector agrícola e o sector gandeiro (tamén chamado sector pecuario).
Hoxe en día esta actividade tan só achega o 2% do produto interior bruto (PIB) dentro da Unión Europea e ocupa a menos do 5% da poboación activa. A pesar disto, a Unión Europea dedica ao sector agropecuario boa parte do seu orzamento a través da Política Agraria Común (PAC).
Que é a PAC?: a política agraria común (PAC) son un conxunto de políticas e accións coas que os países membros da Unión Europea contan dentro do ámbito da agricultura e a gandaría.
A Política Agraria Común (PAC) ten como principais obxectivos:
• mellorar a calidade da produción, garantizando alimentos sans e a prezos asequibles que poidan competir no mercado internacional
• utilizar métodos de produción respectuosos co medio ambiente. Tamén mellorar as condicións sanitarias dos animais e o seu benestar
• asegurar o benestar da sociedade rural mediante ingresos adecuados e estables. O obxectivo final é lograr unha economía rural dinámica e sostible: que se manteña sen esgotar os recursos e que permita o crecemento económico e a creación de emprego rural.
A PAC establece un pagamento único para axudar á renda dos agricultores e gandeiros que cumpren estes obxectivos.
A continuación podemos ollar a situación da actividade agropecuaria en Galicia e España a través de datos estatísticos nos portais do Instituto Galego de Estatística (IGE) e do Instituto Nacional de Estadística (INE):

