O ser humano leva a cabo actividades económicas para producir e intercambiar os bens e servizos que demanda a sociedade. As actividades económicas, debido á gran variedade de bens servizos demandados pola poboación, son moi diversas e numerosas. Estas actividades económicas tamén poden agruparse por sectores económicos: o sector primario, o sector secundario e o sector terciario.
O sector primario é o sector da economía no que se levan a cabo actividades que implican a explotación de recursos naturais para a extracción de materias primas.
As principais actividades do sector primario son agricultura, gandería, pesca e silvicultura ou explotación forestal. Pero non son as únicas, hai outras como a apicultura, acuicultura ou a caza.
Todas estas actividades realízanse nas zonas rurais, marítimas e forestais, afastadas das cidades. A zona onde se combinan elementos naturais coa actividade humana do sector primario chámase espazo agrario ou rural.
O sector secundario comprende as actividades relacionadas coa transformación das materias primas en produtos de consumo (semielaborados ou elaborados), sendo todas pertencentes á industria e tamén á construción.
O sector terciario reúne todas aquelas actividades que non producen bens materiais, senón servizos: sanidade, educación, turismo...