Quecendo motores! Articulación e vocalización!
Antes de comezar a cantar, como xa explicamos na anterior unidade, temos que facer exercicios para preparar a nosa voz e que non sufra danos. Primeiro temos que facer os exercicios de relaxación e respiración da outra unidade e a continuación os que seguen.
Comezamos coa articulación: proceso polo que o son, que creamos nas cordas vocais, é modificado polos órganos da boca antes da súa saída ao exterior. Así, os beizos, a mandíbula, o veo (parte branda do padal), a úvula ou campanilla) e a lingua móvense e as súas distintas posicións son as responsables de xerar os case 150 sons diferentes que podemos crear nas linguas do mundo. Cando non hai obstáculos os sons que se producen chámanse vogais e se os hai fórmanse as distintas consonantes.
Cando cantamos é moi importante ter clara a articulación de cada unha das palabras porque senón pode que non se nos entenda. Ademais é necesario emitir ben o son para non ter problemas coa afinación. Cantando, a boa articulación nas vogais axuda a que todo vaia ben. Así que imos facer exercicios con elas, falados e cantados.
Temos que diferenciar entre vogais que provocan tensión horizontal (a, e, i) e vertical (o, u). A posición da boca cambia para poder pronuncialas correctamente. Fíxate nos debuxos.

E agora comezamos cos exercicios, sen esquecer todo o que aprendimos sobre a respiración e a relaxación.
A respiración sempre é o máis importante!!!
Xogos vocais falados
- pronunciaremos cada unha das vogais coa correcta posición da boca e os beizos, como no debuxo, e xogaremos coa intensidade, indo de pp a ff e viceversa, ou facendo ondas.
- empregaremos frases nas que se diferencien as vogais con tensión horizontal e vertical e teredes que inventar algunhas para facelas entre todas/os:
Tensión horizontal: Queda quieta! A estrela que vén! Síguea!
Tensión vertical: Luz como o sol! Soñou co sol! Collo o coco, rómpoo!
- as mesmas frases, farémolas con distintos ritmos sen cantar; uns exemplos serán os que seguen, pero teredes que inventar un diferente e farémolo xuntas/os:

- imos agora mesturar as vogais, e farémolas con e sen ritmo, por exemplo:
A lúa chega xa/ o sol foise/ as estrelas brillarán/ toda a noite.

- podemos traballar tamén as consoantes máis sonoras como o m ou o p combinadas coas vogais: mam, mem, mum, pam, pim,... Repetimos cada unha e alongamos o son para sentir como ecoa a nosa cara.
Xogos vocais cantados
- cantaremos sobre unha mesma nota as frases do apartado anterior, seguindo a mesma orde.
- crearedes unha melodía para as frases que escribistes e practicarémola xuntas/os.
Unha vez que xa temos feito este traballo é o momento da vocalización. Cantar sobre unha mesma nota e con sons moi similares non causan problemas á hora de afinar, xa que podemos controlar o aire e realizar unha boa emisión. Por iso, temos que traballar todos os rexistros da vosa voz, para asegurar unha boa emisión en cada un deles.
Imos traballar estes exercicios:
- coa formación de arpexio en distintos notas, subindo e baixando cromáticamente, empregaremos primeiro as frases anteriores.

- agora farémolo con sílabas como na, ma, ni, pi,...

- o seguinte paso é empregar o mesmo son en varias notas, alongándoo:

- empregaremos outras secuencias melódicas como:

1. 2.
3. 4.
5. 6.
- para rematar, faremos a escala, ascendente e descendente, con distintas sílabas:

En todas as unidades que faltan, teremos que facer estes exercicios xunto cos da unidade anterior.
Non o esquezades!