DESCRICIÓN DA UNIDADE
INTRODUCIÓN
Na segunda unidade do proxecto, emprederemos unha viaxe a través de distintas disciplinas artísticas como son a literatura e o cine, empregando a música como nexo de unión. Coñeceremos a importancia que ten o son para potenciar e transmitir información a través de diferentes propostas didácticas relacionadas, e indagaremos en dúas das calidades do son tan importantes como a duración e a intensidade, mediante unha metodoloxía de aprendizaxe lúdica e alternativa baseada en contribucións de autor.
OBXECTIVOS DIDÁCTICOS
- Recoñecer a importancia do son e a música como elementos que potencian a transmisión de información en diferentes soportes (visual e auditivo).
- Relacionar estímulos sonoros determinados cunha función concreta no desenvolvemento dunha historia (narración literaria ou secuencia de imaxes).
- Empregar obxectos sonoros do contexto próximo e a dotación instrumental de aula para crear unha ambientación sonora que acompañe un relato.
- Crear un conto sonoro curto a partir dunha cabeceira común, e realizar unha demostración de carácter práctico.
- Comprender a importancia da música no cine mediante a posta en valor das bandas sonoras.
- Musicalizar unha curtometraxe (audio suprimido) facendo uso dos recursos sonoros que se consideren oportunos.
- Realizar unha aproximación aos diferentes tipos de compases binarios (2/4, 3/4 e 4/4) empregando a intensidade como elemento que diferencia os pulsos fortes dos débiles e comprender así a súa distribución en cada caso. Coñecer diferentes xéneros musicais e analizar os seus compases mediante ditados de intensidade "cardiogramas musicais".
- Realizar ditados de duración "código morse" como aproximación a notación non convencional, e relacionar os resultados obtidos coas figuras propias da linguaxe musical e os seus valores establecidos.
METODOLOXÍA
Aplicarase unha metodoloxía de autor específica por ámbitos, de forma que se recollen métodos didácticos pertencentes a correntes pedagóxicas distintas implementadas en función das necesidades específicas do proxecto. Estas aportacións metodolóxicas citadas son deseñadas e modificadas no eido de atribuirlle un compoñente lúdico de aprendizaxe. Nesta unidade podemos destacar as seguintes contribucións de autor:
- Ditados de duración (presentado coma código morse) e ditados de intensidade (presentado coma cardiograma musical): E. Willems (1890-1978)
- Contos sonoros e relatos musicados: M. Martenot (1898-1980)
- Orquestra escolar Orff; dotación instrumental de aula. C. Orff (1895-1982)
ORIENTACIÓNS METODOLÓXICAS
A figura docente está disposta neste proxecto como axente facilitador da aprendizaxe, de maneira que sexa o propio alumnado o protagonista do seu procedemento de ensino-aprendizaxe dende unha visión activa. O docente exercerá de mediador, con especial relevancia nos puntos de inicio (explicación das tarefas) e nas situacións de debate ou actividades grupais, tentando sempre limitar as súas intervencións na medida do posíbel.
O tempo de realización das propostas didácticas establecido, así como a distribución do espazo e a formación de grupos de traballo é orientativa, sendo susceptíbel de ser modificada a criterio docente en función das necesidades da súa realidade educativa.
Os métodos didácticos anteriormente citados poden ser tamén adaptados na práctica se así se considera, na procura de adecuar as actividades ao noso contexto próximo (dotación instrumental de aula, recursos materiais, distribución de espazos...)
COMPETENCIAS CLAVE
- Comunicación lingüística (CCL): estará presente en tódolos intercambios orais que se desenvolvan na aula nos seus diferentes rexistros (espazos para o debate, exposicións) no coñecemento e uso dunha linguaxe técnica adecuada a esta disciplina artística e no uso de linguaxe musical (convencional e non convencional). De forma precisa potenciarase a creación literaria coa elaboración dun conto sonoro.
- Aprende a aprender (CAA): mediante a inmersión do alumnado nun método de aprendizaxe activo, que implica a interiorización de conceptos tratados na aula desde unha perspectiva máis ampla, que permite a súa implementación en diferentes contextos.
- Competencias sociais e cívicas (CSC): derivada dun comportamento axeitado nas distintas situacións de ensino-aprendizaxe durante o desempeño das tarefas, o traballo cooperativo e a aceptación e distribución dos roles de traballo en equipo e na práctica musical.
- Competencia dixital (CD): adquirida no emprego de aplicacións e plataformas específicas na rede para o desenvolvemento das actividades plantexadas nesta unidade.
- Sentido de iniciativa e espírito emprendedor (CSIEE): amósase tanto na práctica musical individual como colectiva, a través dunha predisposición por parte do alumnado para realizar as actividades. A improvisación sonora (neste caso relativa a ambientación musical de relatos literarios e curtametraxes) é un recurso especialmente salientable neste epígrafe.
- Conciencia e expresións culturais (CCEC): a través do coñecemento dun repertorio amplo de bandas sonoras de películas e a aproximación a obras de épocas variadas
AVALIACIÓN
O procedemento de avaliación desta unidade didáctica está baseado na aprendizaxe por descubrimento guiado, de maneira que é o discente o que realiza a súa autoavaliación interactiva e recibe en tempo real a retroacción correspondente a través da propia plataforma. Neste senso, empregaranse instrumentos de avaliación de índole variada para enriquecer e potenciar a capacidade de resolución de problemas e o pensamento lóxico. Os instrumentos a empregar detállanse a continuación:
- Actividades de selección múltiple (varias das opcións propostas como resposta poden ser correctas)
- Actividade de encher os espazos (completar os ocos nunha oración coa palabra axeitada)
- Lista desordenada (enumerar os elementos nunha listaxe)
- Actividade de resposta única (soamente unha opción é correcta a escoller entre varias)
- Preguntas de verdadeiro ou falso
- Vídeos interactivos (precisan dunha resposta activa do alumnado para regular o avance polas diferentes secuencias)
Así mesmo, algunhas das propostas didácticas que se presentan como tarefas, debido ao carácter práctico desta disciplina artística, son deseñandas para executarse na aula e polo tanto cómpre aplicar un sistema de avaliación que reforce a observación directa por parte docente. Preséntanse tamén actividades complementarias de ampliación e reforzo, e contidos relacionados coa unidade nun formato despregable baixo o título "Sabias que?"
RECURSOS MATERIAIS
Para levar a cabo as diferentes propostas didácticas desta unidade precisaremos: lapis, caderno ou folios, dotación instrumental de aula (orquestra escolar Orff) e un dispositivo con conexión a internet para facer as actividades complementarias que requiran de conexión a rede.
LICENZAS
Nesta epígrafe adxúntase o documento "Banco de recursos", no que se detallan todos os aspectos relativos á propiedade intelectual e atribución dos materiais empregados para deseñar esta unidade didáctica, xunto cos enderezos para poder consultar os repositorios web onde se atopan aloxados.