DESCRICIÓN DA UNIDADE
INTRODUCIÓN
Esta é a primeira das unidades que compoñen o proxecto, nas que investegaremos a fondo sobre unha das catro calidades que presenta o son: a altura.
Faremos unha viaxe guiada pola composición das ondas sonoras, a súa dirección e variación de frecuencia orixinando sons agudos ou graves, e deterémonos a realizar actividades interactivas relacionadas coa escoita activa e os emparellamentos sonoros .
OBXECTIVOS DIDÁCTICOS
A través desta unidade, o alumnado traballará os seguintes obxectivos didácticos:
- Identificar a altura como unha das cualidades do son.
- Comprender a relación existente entre a altura do son e a súa discriminación en agudo ou grave.
- Establecer unha relación directa entre a altura do son e a composición e ordenación das notas da escala musical.
- Coñecer o método dos "sonocolores" como unha aproximación a lectura musical non convencional.
- Realizar diagramas pancromáticos mediante a escoita e a discriminación auditiva en base a un estímulo sonoro.
- Comprender a importancia do metrónomo, ferramenta musical empregada para establecer a velocidade do tempo na música.
- Empregar as TIC como ferramenta educativa a través de plataformas en aberto relacionadas coa proposta didáctica.
- Adaptar un instrumento musical existente empregando o método dos sonocolores.
- Coñecer, valorar e interpretar obras de estilos musicais e épocas diversas: 9º Sinfonía de Beethoven ("Oda a la alegría"- adaptación).
METODOLOXÍA
A metodoloxía a empregar nesta unidade fomenta a adquisición de coñecemento mediante o descubrimento guiado. O modelo de aprendizaxe plantexa unha visión constructivista da intervención pedagóxica para acadar un aprendizaxe significativo no alumnado.
O método didáctico responde a unha metodoloxía específica por ámbitos, de maneira que se seleccionan contribucións de autor diversas en función das necesidades educativas que plantexa cada actividade. A continuación se detallan os métodos pedagóxicos empregados especificando o autor e as actividades que os integran:
- Diagrama pancromático (E. Willems)- "A música é un tobogán"
- Emparellamentos sonoros e discriminación auditiva (M. Martenot)- "A escala musical"
- Sonocolores (S. Aschero)- "A música e as cores"
- Orquestra Escolar Orff (C. Orff)- "Tocamos usando as cores"
ORIENTACIÓNS METODOLÓXICAS
A figura docente está disposta neste proxecto como axente facilitador da aprendizaxe, de maneira que sexa o propio alumnado o protagonista do seu procedemento de ensino-aprendizaxe dende unha visión activa. O docente exercerá de mediador, con especial relevancia nos puntos de inicio (explicación das tarefas) e nas situacións de debate ou actividades grupais, tentando sempre limitar as súas intervencións na medida do posíbel.
O tempo de realización das propostas didácticas establecido, así como a distribución do espazo e a formación de grupos de traballo é orientativa, sendo susceptíbel de ser modificada a criterio docente en función das necesidades da súa realidade educativa.
Os métodos didácticos anteriormente citados poden ser tamén adaptados na práctica se así se considera, na procura de adecuar as actividades ao noso contexto próximo (dotación instrumental de aula, recursos materiais, distribución de espazos...)
COMPETENCIAS CLAVE
- CCL: estará presente en tódolos intercambios orais que se desenvolvan na aula nos seus diferentes rexistros (espazos para o debate, exposicións) no coñecemento e uso dunha linguaxe técnica precisa adecuada a esta disciplina artística e no uso de linguaxe musical.
- CAA: mediante a inmersión do alumnado nun método de aprendizaxe activo, que implica a interiorización de conceptos tratados na aula desde unha perspectiva máis ampla, que permite a súa implementación en diferentes contextos.
- CSC: derivada dun comportamento axeitado nas distintas situacións de ensino-aprendizaxe durante o desempeño das tarefas.
- CD: adquirida no emprego de aplicacións e plataformas específicas na rede para o desenvolvemento das actividades.
AVALIACIÓN
O procedemento de avaliación desta unidade didáctica está baseado na aprendizaxe por descubrimento guiado, de maneira que é o discente o que realiza a súa autoavaliación interactiva e recibe en tempo real a retroacción correspondente a través da propia plataforma. Neste senso, empregaranse instrumentos de avaliación de índole variada para enriquecer e potenciar a capacidade de resolución de problemas e o pensamento lóxico. Os instrumentos a empregar detállanse a continuación:
- Actividades de selección múltiple (varias das opcións propostas como resposta poden ser correctas)
- Actividade de encher os espazos (completar os ocos nunha oración coa palabra axeitada)
- Lista desordenada (enumerar os elementos nunha listaxe)
- Actividade de resposta única (soamente unha opción é correcta a escoller entre varias)
- Preguntas de verdadeiro ou falso
- Vídeos interactivos (precisan dunha resposta activa do alumnado para regular o avance polas diferentes secuencias)
Así mesmo, algunhas das propostas didácticas que se presentan como tarefas, debido ao carácter práctico desta disciplina artística, son deseñandas para executarse na aula e polo tanto cómpre aplicar un sistema de avaliación que reforce a observación directa por parte docente. Preséntanse tamén actividades complementarias de ampliación e reforzo, e contidos relacionados coa unidade nun formato despregable baixo o título "Sabias que?"
MATERIAS
Para levar a cabo as diferentes propostas didácticas desta unidade precisaremos: lapis, caderno ou folios, un instrumento de altura determinada ou un dispositivo con conexión a internet para facer as actividades complementarias que requiran de conexión a rede.
LICENZAS
Nesta epígrafe adxúntase o documento "Banco de recursos", no que se detallan todos os aspectos relativos á propiedade intelectual e atribución dos materiais empregados para deseñar esta unidade didáctica, xunto cos enderezos para poder consultar os repositorios web onde se atopan aloxados.