Elas tamén "pintan" algo...
Elas tamén “pintan” algo...
“O xenio masculino non ten nada que ver co gusto feminino. Deixemos que os homes de xenio alumen grandes proxectos arquitectónicos, esculturas monumentais e formas pictóricas excelsas. Nunha palabra que os homes se ocupen de todo o que ten que ver coa gran arte. Deixemos que as mulleres se ocupen desas clases de arte polas que sempre sentiron preferencia, a pintura de flores, eses prodixios de elegancia e frescura que só poden competir coa elegancia e a frescura das propias mulleres”
Artigo do ano 1860
O século XVIII ve como a muller comeza a participar no ensino das artes plásticas como profesora e aínda que é aínda moi difícil que sexa admitida nas Academias, algunhas o conseguen pero non en igualdade de dereitos cos seus colegas homes. Como exemplo de mulleres “académicas” podemos citar a Rosalba Carriera, Angelica Kauffmann, Mary Moser, Elisabeth Louis Vigée-Lebrun ou Adélaïde Labille-Guiard, pero son moitas máis as mulleres artistas entre as que se atopan Giulia Lama, Maria Cosway, Katherine Read, Constance Marie Charpentier ou Marie-Denise Villiers.
O ensino oficial está presidido durante case todo o século polas Academias. As mulleres enfrontaranse a numerosas dificultades para acceder, e as que o consigan terán vetado o acceso ás materias crave (Anatomía, e Colorido e Composición), o que frea o seu desenvolvemento e as súas posibilidades de cultivar as formas artísticas máis valoradas, como a pintura de Historia. Tamén será arduo para elas exercer o ensino artístico nestas institucións, pero algunhas o conseguiron, a miúdo axudadas polos vínculos familiares con outros profesores.
En moitos dos casos estudados, é frecuente que as mulleres que acaban dedicándose á práctica artística teñan vinculación familiar co mundo da arte. Isto permítelles acceder a unha formación artística moi completa, o que facilita que poidan exercer esa profesión. Incluso as alumnas de centros oficiais van recorrer ao ensino privado como medio de perfeccionamento, especialmente para aprender aquelas materias que lles están vetadas. Este tipo de ensino supón unha gran alternativa para estas mulleres artistas para conseguir profesionalizarse, e vai ser especialmente importante no último terzo de século, cando xurdan centros máis liberais que impartan ensinos mixtos. Destacan especialmente varias escolas en París, como a Academia Julian, e serán moitas as artistas vindas de diferentes países que se matriculen nestes centros. A finais de século xorden tamén os primeiros centros privados de ensino artístico exclusivamente femininos.
A pesar das dificultades que as mulleres decimonónicas atoparon para exercer profesións públicas, o número de mulleres artistas coñecidas neste período é maior que en calquera outro momento anterior da Historia da arte.
A grandes liñas, podemos distinguir tres etapas que marcan o desenvolvemento da actividade artística feminina no século XIX:
1. 1800-1820: xa desde as últimas décadas do século XVIII atopamos unha situación de acceso á actividade artística oficial por parte das mulleres que, sendo aínda restrinxida, é bastante máis favorable que a que se desenvolverá a mediados de século.
2. 1820-1870: o panorama vólvese máis conservador. Esténdese o ideal feminino do "anxo do fogar" e a práctica artística vaise a ver fundamentalmente como un entretemento. As mulleres atopan maiores dificultades para acceder á formación e práctica artística.
3. 1870-1900: o ensino se liberaliza, vaise desprendendo do peso das institucións oficiais e comezan a aparecer centros privados, que ofrecen un ensino máis igualitario. Igualmente, ao longo destas décadas vai cobrando peso o prototipo de “a nova muller”, que loita pola súa independencia e a súa incorporación á práctica artística.
A relación de mulleres artistas nos séculos XVIII e XIX é moito máis numerosa que nas etapas anteriores. Para valorar e coñecer a súa personalidade e a labor atística que levaron a cabo podemos consultar os seguintes enlaces:
Mulleres pintoras no século XVIII, https://www.elinvernaderocreativo.com/mujeres-pintoras-edad-media-y-siglos-xvi-xvii-xviii/
Mulleres pintoras. Lista de artistas por orde cronolóxico, http://mujerespintoras.blogspot.com/2013/01/lista-de-pintoras-en-orden-cronologico.html
Ver tamén o seguinte video sobre algunhas das artistas do século XVIII
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 4.0