Saltar navegación

Lectura de textos literarios, ideas previas e motivación

ACTIVIDADE: Lectura de textos literarios

Lectura habitual de textos literarios na aula de calidade: estrutura clara, presentación das personaxes, uso de fórmulas fixas, léxico rico e variado, etc.

A lectura realízase sen ensinar as ilustracións e sin interromper a lectura para que o alumnado se recree no texto. Unha vez rematada a lectura vense as ilustracións e evítanse as preguntas directas sobre comprensión porque queremos conseguir que o alumnado desfrute coa lectura de bos textos literarios.

O ensino-aprendizaxe da lingua escrita dende un enfoque construtivista

...Os tradicionais métodos de ensino da lectura e a escritura, tanto os analíticos como os sintéticos, elaboran un camiño unidireccional para aprender a ler e a escribir. Un camiño lineal e sumativo, marcado en parte por un ensino que aposta basicamente pola transmisión dunhas habilidades visuais, motrices e auditivas.

Xa non podemos considerar que a aprendizaxe da lectura e a escritura desenvólvese de forma sumativa, senón por reorganizacións de coñecementos de diferente contido, tipo e nivel”

Fons Esteve, M (2004)

Resulta fundamental a idea que cada persoa docente teña acerca de como aprenden as nenas e nenos; tendo en conta que este proceso require actividade mental, esforzo, reconstrución persoal, debate, controversia, erro, interacción,...

¿Que se entende por ler e escribir?

  • Ler non é decodificar. Ler é interactuar cun texto.
  • Escribir non é codificar. A escritura dáse cando hai intención comunicativa.


A presente secuencia didáctica formula situacións de lectura e escritura con funcionalidade e pretende darlle á lectura e á escritura o seu uso social. Para isto resulta imprescindible incorporar á escola todo tipo de textos. Maruny identifica cinco diferentes:

  • Textos informativos
  • Textos enumerativos
  • Textos prescriptivos
  • Textos expositivos
  • Textos literarios

Cada un destes tipos de texto posúe unhas características diferenciadas que poden ser estudadas partindo da estrutura de planificación proposta por Myriam Nemirovsky:

  • Propiedades do tipo de texto: Función, autor/autores, público potencial, relación co “real”, extensión, fórmulas fixas, léxico, categorías gramaticais, estrutura do texto, tipografía, formato, uso posterior á lectura, modo de lectura, relación título-contido, relación imaxe -texto, soporte, tempos ou modos verbais, personaxes e temática…
  • Propiedades do sistema de escritura: diferencia debuxo-escritura, propiedades cualitativas, propiedades cuantitativas, direccionalidade do sistema, tipos de letra, ortografía, puntuación, separación entre palabras…

No traballo con textos escritos é interesante identificar que propiedades son ou non relevantes segundo o tipo de texto ao que nos refiramos. No caso do texto literario, ao que pertence o conto, podemos resaltar as seguintes:

  • Función: Inducir na persoa lectora sentimentos e emocións, provocar pracer, entreter e divertir, transmitir valores culturais, sociais, éticos e morais.
  • Autor/autores: É fundamental coñecer ás persoas autoras do texto, non só para aumentar a bagaxe cultural das nenas e nenos senón para definir criterios de elección e preferencia de estilos.
  • Público potencial: Calquera persoa pode ser lectora dun conto.
  • Relación co “real”: Ningunha, o escritor pode deixar voar a súa imaxinación e fantasía. Nada do que se escribe nun conto ten por que ser certo.
  • Extensión: Moi variable e decídea o autor (desde Las mil y una noches a contos de 5 liñas).
  • Fórmulas fixas: Tenas de comezo (Había unha vez... Nun país moi afastado,...) e de remate (Colorín colorado..., Foron felices e...). É importante coñecelas porque axudan a recoñecer o tipo de texto que encaramos.
  • Léxico: Canto máis rico e variado de maior calidade é o texto. Respéctanse as palabras que elixiu o autor, non se substitúen por outras máis “sinxelas” (..o príncipe galopaba no seu brioso corcel...)
  • Categorías gramaticais: Abundan os adxectivos, os adverbios e os tempos verbais en pasado.
  • Estrutura do texto: Seguiremos a estrutura proposta por Adam: Situación inicial estable + complicación + reacción + novo elemento perturbador + situación final + avaliación. (inicio-nó-desenlace).
  • Uso posterior á lectura: Gardalo para volver a lelo, nunca perde vixencia.
  • Relación título-contido: Alta, a función do título é anticipar información sobre o contido e chamar a atención do posible lector ou lectora.
  • Relación imaxe-texto: Como a relación co real é baixa as ilustracións acostuman a ser debuxos. É importante que a un texto de calidade o acompañen ilustracións tamén de calidade que aporten información para completar e enriquecer a historia que narra o texto.
  • Temática: A que se lle ocorra á persoa autora.

Propiedades do texto seleccionadas:

  • Función
  • Estrutura
  • Personaxes
  • Relación título-contido
  • Fórmulas fixas
  • Relación imaxe texto

Propiedades do sistema de escritura seleccionadas:

  • Signos de exclamación
  • Conectores semánticos
  • Ortografía
  • Separación de palabras

ACTIVIDADE: Ideas previas

Presentamos ao alumnado unha fotografía dunha nena nepalí para realizar unha recollida de ideas previas acerca do coñecemento que teñen das características dunha  fotografía fronte a un debuxo.

aula
Licenza: CC BY-SA



nena
Manuel Ginarte. Nena nepalí (CC BY-SA)



Proceso realizado

  1. Presentación da imaxe que é o elemento provocador
  2. Preguntas:
    • Porqué sabedes que é una fotografía? Que é una fotografía?
      • Es parecido a un cuadro pero son las bases
      • Es un papel en el que se pone la fotografía
      • Es una foto con forma de cuadro
      • Es una niña apoyada en una roca (esta resposta fai referencia ao contido da imaxe, compartimos co alumnado que o que estamos buscando é o concepto de fotografía)
      • Es una china (igual que a resposta anterior)
  • Que diferenza hai entre un cadro e unha fotografía?:
    • Son cadros con dibujos interesantes y las fotos no
    • Una foto tiene colores diferentes a los cuadro
    • Las fotos no se pintan y los cuadros si
    • Los cuados son más altos y las fotos no
    • Los cuadros son rectángulos boca abajo y las fotos de pié




ACTIVIDADE: Motivación

Realizamos en internet unha busca sobre o concepto de fotografía para chegar a reflexionar sobre como reflexa a realidade fronte ao debuxo.

  1. Reflexión sobre a calidade das fotografías e a mensaxe que transmiten ou a emoción que provocan.
  2. Comparación entre debuxo e fotografía. Argumentando acerca das fortalezas dunha e doutra.
  3. Recoller conclusións acerca da relación co real da fotografía.
  4. Observación das imaxes que acostuman a acompañar aos textos literarios da aula e reflexionar acerca de por que non hai fotografías e son, case sempre, debuxos.

Proceso realizado

Comentamos as diferenzas entre un cadro (concepto aportado polos nenos) e unha fotografía. A estratexia é a formulación de preguntas que inviten ao debate:

Para que se utilizan as fotografías? que se necesita para facer unha fotografía? onde se perciben mellor os detalles, nunha fotografía ou nun debuxo? ou nun cadro? alguén vos fai fotos? cando? que se fai con elas? onde hai cámaras? quen manexa as cámaras?

  • As fotos son reais e os cadros depende.
  • Hai cámaras nos móbiles.
  • Hai cámaras de fotos.
  • Tamén hai nas tabletas.
  • Cando imos de viaxe facemos moitas fotos.
  • Os nenos tamén poden facer fotos.
  • A meu pai encántalle facelas