Saltar navegación

Guía didáctica

Obxectivos

  • Utilizar as diversas linguaxes como instrumentos de comunicación, de expresión de ideas e sentimentos, de representación, de aprendizaxe e de goce.
  • Comprender a intencionalidade comunicativa doutras nenas e doutros nenos , así como das persoas adultas, adoptando unha actitude positiva cara as linguas.
  • Achegarse á lingua escrita a través de distintos tipos de textos -literarios, expositivos, enumerativos, informativos, prescriptivos-, recoñecendo a funcionalidade e uso social destes.
  • Potenciar a capacidade creativa a través das linguaxes artísticas para imaxinar, inventar, transformar....dende as súas ideas, sentimentos, experiencias, coñecementos....
  • Achegarse ao coñecemento de obras artísticas expresadas en distintas linguaxes, comunicándose creativamente a través das diferentes manifestacións: fotografía, pintura, modelado, escultura, teatro, danza, música, literatura, imaxes proxectadas... e adquirindo sensibilidade estética.
  • Desenvolver o sentir de autoconfianza nas producións artísticas persoais amosando interese pola súa mellora, respectando e valorando as creacións propias e as das demais persoas.
  • Achegarse ao coñecemento, emprego e valoración das TIC -ordenadores, internet, encerado dixital interactivo, escáner, vídeo, ...- como ferramentas  de busca de información, creación, expresión e comunicación

 

Contidos

  • Utilización e valoración progresiva da lingua oral para evocar e relatar feitos, para adquirir coñecementos, para expresar e comunicar ideas, sentimentos e emocións, para facer peticións  e como mecanismo para regular a propia conduta e a das demais persoas.
  • Achegamento á lingua escrita como medio de comunicación, información e goce. Interese por explorar e coñecer algúns dos textos de uso social (texto literario) e algunha das súas propiedades -función, autoría, soporte, personaxes, relación título – contido, relación imaxe – texto, fórmulas fixas, estrutura  (proposta de Adam: Situación inicial estable + complicación + reacción + novo elemento perturbador + situación final + avaliación).
  • Diferenciación entre as formas escritas e outras formas de expresión gráfica. Identificación de palabras e frases escritas moi significativas e usuais -nomes propios, personaxes e títulos de contos, fórmulas fixas de inicio e remate...-. Percepción de diferenzas e semellanzas entre elas atendendo a propiedades cuantitativas -cantidade de letras, palabras longas e palabras curtas- e propiedades cualitativas -variedade de grafías-. Iniciación ao coñecemento do código escrito a través desas palabras e frases empregadas en contextos significativos e funcionais.
  • Iniciación no uso da escritura en situacións contextualizadas e reais, -textos literarios- . Interese e disposición para o uso dalgunhas convencións do sistema da lingua escrita como a linealidade, a orientación e a organización do espazo, e gusto por producir mensaxes e textos cunha aproximación progresiva á escritura convencional.
  • Potenciación e valoración da creatividade e a fantasía como recurso para produción de textos literarios.
  • Invención e produción dos seus primeiros textos literarios en soporte papel ou dixital, amosando valoración e respecto polas producións escritas propias e as das demais compañeiras e dos demais compañeiros; dándoos a coñecer para a súa validación social.
  • Escoita e comprensión da lectura en voz alta, realizada por unha lectora ou lector competente, de contos, relatos, lendas, poesías, rimas, adiviñas, teatro... tanto tradicionais como contemporáneas, nas dúas linguas oficiais, e como fonte de pracer e de aprendizaxe compartido.
  • Potenciación da súa imaxinación e fantasía para enriquecer a actividade creativa.
  • Interpretación e valoración de diferentes tipos de obras plásticas (fotografía) mantendo un diálogo ante a obra de arte; manifestando as emocións e sensacións que producen, as ideas que suxire, así como indicando o que gusta e o que non.
  • Coñecemento, coidado e uso, na medida das súas posibilidades, das ferramentas tecnolóxicas -cámara fotográfica-; desenvolvendo unha actitude crítica ante a veracidade da información que proporcionan.
  • Propiedades cuantitativas e cualitativas das palabras.

 

Criterios de avaliación

  • Mostrar interese polos textos escritos presentes na aula e no contorno próximo, iniciándose no seu uso e na comprensión das súas finalidades. Interesarse e participar nas situacións significativas de lectura e escritura que se producen na aula desenvolvidas por persoas lectoras e escritoras competentes.
  • Producir diferentes textos individualmente ou en grupo -con escritura convencional ou non-, iniciándose no uso do teclado para a codificación, con propósitos e intencións diferentes: recoller e transmitir información, goce....
  • Gozar compartindo a escoita e a lectura en voz alta de textos literarios: contos, relatos, lendas, poesías, rimas, adiviñas, .....
  • Expresarse e comunicarse utilizando medios, materiais e técnicas propios das diferentes linguaxes artísticas e audiovisuais
  • Mostrar interese por explorar as súas posibilidades de expresión e representación, por gozar coas súas producións e por compartir as experiencias creativas, estéticas e comunicativas.

 

Indicadores de avaliación

  • Escoita con atención a lectura de textos literarios.
  • Amosa interese cando se introduce algún elemento artístico novo.
  • Interpreta diferentes fotografías.
  • Describe emocións a partir da visualización de fotografías.
  • Menciona unha diferenza entre fotografía e debuxo.
  • Argumenta por que nos contos da aula non hai fotografías.
  • Amosa iniciativa ante as propostas que se realizan.
  • Coñece polo menos dúas fórmulas fixas de comezo de conto.
  • Coñece polo menos dúas fórmulas fixas de remate de conto.
  • Compara un texto informativo (nota ás familias) cun texto literario.
  • Ten iniciativa para elixir unha fotografía atendendo aos seus gustos.
  • Recorda as fórmulas fixas aportadas pola súa familia.
  • Identifica os adxectivos dun breve listado de palabras.
  • Aporta adxectivos para aumentar o listado proposto.
  • Describe ao personaxe principal da súa historia.
  • Relaciona a fotografía co espazo e o tempo no que sucederá a historia.
  • Identifica un conflito nos contos lidos na aula.
  • A súa historia é creativa e orixinal.
  • Necesita que a persoa docente guíe a súa produción con preguntas.
  • Reflexiona sobre os aspectos a mellorar no seu conto.
  • Propón melloras lexicais para o seu conto.
  • Propón melloras de estrutura para o seu conto.
  • Identifica o ordenador como procesador de textos.
  • Amosa interese por empregar a cámara fotográfica.
  • Propón un título coherente.
  • Representa aos personaxes do conto a través do debuxo.
  • Identifica a fotografía como elemento esencial na técnica do collage.
  • O seu produto final está ben organizado.
  • Ten interese en darlle uso social ao seu traballo.
  • Escribe, atendendo ás distintas hipóteses, con iniciativa e seguridade.
  • Realiza con agrado as actividades propostas.
  • As súas producións son creativas e orixinais.
  • Organízase para desenvolver o traballo.
  • Coñece o nome das grafías dos personaxes do conto.
  • Diferenza grafía de palabra.

 

Orientacións metodolóxicas

  • É preciso unha observación do que vai ocorrendo para poder facer un seguimento e unha intervención diferenciada e coherente.
  • A partir da observación do que saben podemos intervir en cada caso de xeito máis próximo aos seus coñecementos -axudar a reflexionar sobre o modo de indagar o que di un texto, buscar pistas, buscar coherencia, et.-
  • máis axeitado será unha organización que favoreza interaccións a distinto nivel: en relación ao grupo - clase, en relación a grupos de traballo, interaccións individuais – da propia criatura con textos, láminas... -, etcétera.
  • Para ofrecer unha intervención que conecte co saber, co saber facer e co saber estar de cada criatura, é necesario partir dos esquemas de coñecemento do alumnado, en relación coa lectura e a escritura, e do significado que lle atribúen.
  • Débese evitar valorar máis os acertos que os erros e corrixilo todo . Cambiar a idea de evitar os erros pola de empregar os erros, e tamén os acertos, como fonte de información dos coñecementos das criaturas.
  • Crear un clima de aceptación e respecto mutuo no que equivocarse sexa un paso máis no proceso de aprendizaxe, no que cada criatura se sinta retada e ao tempo con confianza para pedir axuda.
  • A aceptación e valoración das achegas de cada criatura, tanto por parte da persoa docente como por parte do resto de compañeiras e compañeiros deben poder ser acollidas en calquera momento, favorecendo así a creación de un clima de estimulación e seguridade afectiva.
  • Aceptar aquilo que as criaturas interpretan sobre o que di o texto e interesarnos máis por saber que fixeron para descubrir o que este di que corrixir o que está mal.
  • Será conveniente que a mestra ou o mestre se sitúe a miúdo á expectativa, cunha actitude de espera con respecto ás respostas do alumnado e cunha actitude de escoita activa.
  • Deseñar tarefas que permitan que o alumnado poida acceder a elas dende diversos puntos de partida e compartir tamén o obxectivo de cada tarefa.
  • Planificar situacións que supoñan para o alumnado pequenos retos que actúen como estímulos para avanzar.
  • Orientar ao alumnado cara a busca de solucións, abrindo camiños para que, co tempo, cada nena e neno sexan autónomos.
  • As mestras e os mestres ofrecerán un modelo de linguaxe rico e correcto xa que a competencia lingüística da nena ou neno depende da calidade e riqueza da linguaxe que escoita ao seu arredor.
  • A persoa docente exercerá como modelo de escritora e lectora competente, pero non como unha práctica pouco programada senón de maneira sistemática -durante toda a educación infantil e toda a educación primaria-: escribindo notas informativas, recollendo propostas, escribindo textos colectivos, individuais- lendo contos, cartas, textos científicos,… e será modelo realizando tanto escrituras e lecturas en voz alta como en silencio.
  • Para enriquecer a comprensión e produción lingüística mediante a linguaxe oral é recomendable propiciar permanentemente actividades relacionadas coa lectura de libros, dramatizacións, recordos, narracións,…
  • O conto e o relato nunca deben ser considerados como unha actividade de recheo, senón como unha acción didáctica chea de sentido. Os contos, relatos e lendas son fontes valiosas para que as criaturas fagan inferencias simples sobre características dos personaxes, os seus sentimentos e actitudes e da trama en si mesma.
  • A lectura periódica de contos seleccionados, polo seu valor literario e interese das criaturas, é unha boa oportunidade para coñecer, escoitar con atención, comentar e promover o interese pola lectura.
  • É fundamental expoñer ás criaturas con moita frecuencia á audición de narracións e poemas coidadosamente escollidos respondendo aos intereses das nenas e dos nenos e pola calidade da linguaxe.
  • Brindaráselle ás criaturas oportunidades para que creen os seus propios textos, con diferentes recursos -escritura non convencional ou si, debuxos, ditándolle a unha persoa escritora competente para que transcriba,…- e con diferentes propósitos.
  • Para favorecer que as criaturas fagan hipóteses e interpretacións sobre o contido de diferentes textos -receitas, noticias, etiquetas, contos,…- é importante que as claves de lectura tales como: formato, tipografía, relación título - contido, relación imaxe-texto… sirvan de referentes para interpretalo.
  • É preciso que o uso que se faga do ler e o escribir, independentemente do grao de complexidade, sexa real e adquira significación.
  • Para poder atender á diversidade do alumnado e á aprendizaxe de contidos de distinta natureza, organizaranse diversas formas de agrupamento contemplando as potencialidades de cada unha delas:
  • A distribución da aula establecendo diversos espazos posibilita que o alumnado desenvolva ao mesmo tempo tarefas diferentes.
  • Fronte ás creacións e expresións artísticas das criaturas é importante que as persoas adultas aprecien todas estas manifestacións validándoas e valorándoas como orixinais, particulares e propias de cada persoa.
  • As persoas adultas poden axudar a formar o sentido estético dándolles oportunidades ás criaturas de tomar contacto con distintos estilos artísticos e apreciando a beleza e a diversidade das cousas.
  • A intervención da persoa docente – guiando, animando, apoiando, abrindo novos camiños, suxerindo,...- estimulará a creatividade da criatura e contrarrestar estereotipos e convencionalismos.
  • En ningún caso as actividades relacionadas coa linguaxe plástica, musical, dramática ou corporal poden considerarse un complemento a outras actividades ou un recheo entre tarefas, teñen valor educativo por si mesmas.
  • A persoa adulta será prudente á hora de facer valoracións sobre as producións infantís para preservar a espontaneidade da creación fronte aos estereotipos e aos criterios preestablecidos de beleza ou perfección.
  • Potenciarase que o alumnado reflexione sobre os seus progresos mostrándolle as súas producións dunha etapa anterior é realizando unha coavaliación. Isto resulta sempre satisfactorio e un motivo de fortalecemento da autoestima.

 

Competencias

As competencias máis fortemente representadas nesta secuencia didáctica son:

Competencia lingüística: Esta competencia refírese á utilización da linguaxe como instrumento de comunicación oral e escrita, de representación, interpretación e comprensión da realidade, de construción e comunicación do coñecemento e de organización e autorregulación do pensamento, as emocións e a conduta.

Contribuirase a mellora da competencia lingüística fomentando a participación, respectando a diversidade de respostas e ofrecendo un clima no que se anime a ler, escoitar, escribir e conversar.

O alumnado aplicará procesos cognitivos de coñecemento (terá que recordar información, nomear personaxes, relacionar,…) de comprensión (interpretando a información para describir, dicir, traducir da linguaxe oral á plástica,…), de aplicación (usará o coñecemento sobre os contos para realizar a súa produción), de análise (porque identificarán a estrutura do texto e compararán),  de síntese (porque unirán as partes do seu coñecemento para crear o seu propio texto) e de avaliación (porque valorarán as producións dos compañeiros e compañeiras).

Competencia cultural e artística: Esta competencia supón coñecer, comprender, apreciar e valorar criticamente diferentes manifestacións culturais e artísticas, nesta ocasión a fotografía, utilizalas como fonte de enriquecemento e goce, e consideralas como parte do patrimonio dos pobos.

O alumnado duplicará e rotulará fotografías, expresará e seleccionará impresións e sentimentos, ilustrará a súa propia historia, categorizará os elementos relevantes, creará a súa propia produción e valorará o seu traballo.

Valores

Os valores máis fortemente representados nesta secuencia son o sentir estético, o esforzo e a constancia e o respecto polo traballo dos iguais.

Destacar a importancia de fomentar o gusto pola lectura e escritura.

Atención á diversidade

Sen entrar en casuísticas concretas de cada aula referidas a NEAE sempre é preciso contemplar e respectar o distinto ritmo de desenvolvemento  e de execución das actividades.