4- Actividades de conversa
As interxeccións e as onomatopeas
A intención do exercicio é que crees un texto expresivo, con predominio de interxeccións, onomatopeas, ruídos e secuencias de ritmo áxil. Imaxina que é-lo debuxante da escena que che ofrecemos e que representa a terrible batalla mantida entre estes seres ou monstros. Relátalle a batalla ao teu compañeiro/a de xeito que a el lle pareza "auténtica".

O ton interrogativo

Simulade que ti es un cliente interesado en mercar esta motocicleta e o teu compañeiro/a o vendedor. Efectúa todas as preguntas precisas antes de pecha-la venda.
Trátase dunha conversa formal, polo que deberías empregar os tratamentos de respecto (Vostede, verbos en 3ª persoa singular) e un léxico formal e técnico, do tipo: podería..., por favor, importaríalle..., buxía, carburante, guiador, prezo, etc.
Escolle unha destas fotografías e inventa unha historia con ela na que ti sexas protagonista. Cóntalla ao teu compañeiro/a e mantede unha conversa respecto a ela.
1

2

3

Diálogos encadeados.
Por parellas improvísase un diálogo oral co requisito de que cada un ten que apoiarse nalgunha palabra ou nalgún elemento da frase que acaba de pronunciar o compañeiro. O alumno A comeza intervindo libremente (ex. "Vin unha película de medo"); o alumno B debe encadear (ex. "medo me dá que mo contes"), e así sucesivamente (A: "cóntocho porque"...). A primeira vez abondará con dez intervencións cada un. Con este exercicio preténdese que traballes o enxeño, a orixinalidade, a flexibilidade, a elaboración e o sentido do humor; en definitiva, que poñas a proba a túa capacidade de resposta.
"Teatro-foro"
Tres alumnos representan perante os compañeiros unha escena na que un cliente ou clienta solicita un servizo ou mercancía (un billete de metro, unha maleta, unha viaxe...); o vendedor/cobrador trata de maneira improcedente ao cliente, e, ante este feito, intervén un espectador da escena. Cando un compañeiro da aula diga "parade!" levántase e toca no ombreiro a quen queira substituir; a escea continúa desenvolvéndose até resolvela de xeito alternativo, sempre de xeito pacífico. Interveñen tantos alumnos como se precisen até substituir varias veces todos os personaxes.
