2-2- Os signos de puntuación
Na lectura, o recoñecemento das palabras (o procesamento léxico) é un compoñente necesario para chegar a entender a mensaxe presente no texto escrito, pero non é suficiente. As palabras illadas non transmiten ningunha información nova, senón que é a relación entre elas onde se encontra a mensaxe. Unha parte desta relación sinálase cos signos de puntuación, que deben empregarse correctamente por parte de quen escribe e respectalos na lectura por parte de quen le.
Os signos de puntuación dos textos intentan reproducir o que na fala son as pausas e a entoación. Basicamente, diremos que a coma é unha breve pausa na fala con entoación ascendente ou suspendida (Merquei leite, ovos...), o punto máis longa (Fun ás rebaixas. Non tiña moito diñeiro, así que perquei poucas cousas) e o punto e aparte implica unha pausa algo maior. Os dous puntos son unha breve inflexión respecto ao que vén a seguir (Merquei varias cousas: un pantalón, un xersei, unhas botas...).
Os signos de admiración e interrogación reproducen a intencionalidade e ton.
Ten en conta:
Como xa dixemos, os signos de puntuación responden á sintaxe e á intención dos textos. Comprender o proceso sintáctico permítenos identificar as distintas partes da oración e o valor relativo de ditas partes para poder acceder eficazmente ao significado. Entender a súa función axudarache a ler mellor e a expresar de xeito adecuado as túas ideas.
As ideas illadas e desarticuladas dificultan a comprensión de quen o le!
Observa:
Unha destas preguntas vai dirixida a Ricardo; cal é?
1- Que tal, Ricardo?
2- Que tal Ricardo?
Actividade de encher espazos
Coloca comas onde corresponda (onde non, pon un trazo ou guión)
Repaso básico dos signos de puntuación
O punto pode empregarse nas seguintes situacións:
Como punto e seguido, para separar oracións que teñen certa relación no tema.
Como punto e aparte, para separar parágrafos que tratan temas diferentes dentro dun texto.
Como punto e final, para indicar o remate dun escrito.
Ao final das abreviaturas.
Na fracción das horas: as 13.50 h.
A coma emprégase
Nos enderezos, para separar o nome da rúa do número e o piso: Rúa Brañas, nº 5, 7º.
Nas relacións alfabéticas por apelidos:Méndez Barro, Iago.
Para separar palabras nunha serie ou enumeración:
Amaba a paisaxe, as súas cores, a luz, a brisa.
Fomos Anxo, Raúl e mais eu.
Para separar oracións curtas nunha enumeración de accións: Púxose de pé, mirou á dereita, mirou á esquerda, acenoulle a un taxi e subiu nel.
En aposicións: “Dáme, Señor, paciencia”
Para intercalar aclaracións:
Esta mañá, na escola, escoitabamos o ruxir dos alustros.
Antes e despois dos nomes de persoa aos que nos diriximos: Inés, vai de gana buscarme a tesoira.
A coma nas oracións compostas
Habitualmente, nas oracións compostas (as que teñen dous ou máis verbos en forma persoal) a coma emprégase:
Nalgunhas oracións compostas por coordinación:
Disxuntivas: “ora ri, ora chora”. (Pero: “ou ri ou chora”).
Distributivas:- Uns veñen, outros van.
Adversativas (Era pobre, pero honrado; Non me prestan os grelos; así e todo teño que comelos).
Explicativas: Direicho, xa que mo preguntas.
Nas oracións compostas subordinadas adverbiais:
Condicionais (para separar a prótase da apódose nas oracións subordinadas adverbiais condicionais): Se non les o texto completo, non entenderás o seu significado. Se suspendo de novo, na casa hanme berrar.
Causais (causa e consecuente): Merquei os iogures naturais, pois os de sabores fanme mal. Como ninguén me avisou, non fun á reunión.
Consecutivas (antecedente e consecuente): Xa non podo máis, polo tanto, voume para a cama. Mais non sempre é precisa a coma: É tan despistado que nin sequera me viu.
Concesivas (tese e antítese): Por máis que llo pedín, non mo quixo dar. Mesmo que mo dixese meu pai, non o crería.
Mais non sempre é precisa a coma: Irei á praia pese a que chove moito.
