0- Pronuncia e entoación. Algunhas consideracións teóricas
Observa:
A lectura é unha actividade complexa que inclúe varios niveis de procesamento. Existen catro procesos implicados na lectura:
-
A identificación de letras.
-
A lectura de palabras e pseudopalabras.
-
Os signos de puntuación.
-
A comprensión de oracións e de textos.
¿Como procesamos (lemos) os textos?
As operacións e fases que interveñen na comprensión dun texto van dende o recoñecemento das letras e a súa representación fonolóxica até chegar á comprensión do texto.
A Ruta de codificación fonolóxica é o procedemento de acceso ao significado das palabras que require necesariamente a súa representación fonolóxica previa; é dicir, a conversión das letras ou sílabas en fonemas e sons (para entenderes mellor: a que nos leva a diferenciar o "c" de "casa" do de "ceo").
Ruta de acceso léxico directo: este procedemento consiste en que, para acceder ao significado dunha palabra, establécese unha conexión directa entre a grafía da palabra e o seu significado (é dicir, recoñecemos a palabra; se te trabucas ao leres "pseudopalabras" posiblemente esta é a ruta que priorizas, porque, como non a recoñeces, "tropezas" nela; tamén poderás ter problemas cos "parónimos"; máis adiante explicaremos estes termos).
Teoría da dobre ruta: posición que defende que o lector poida acceder ao significado dunha palabra de dúas maneiras: a través da ruta de codificación fonolóxica e a través da ruta de acceso léxico directo. Polo que parece, os mellores lectores empregan esta ruta.
En relación ao recoñecemento de palabras, temos dous importantes trastornos na aprendizaxe da lectura: o retraso lector (en alumnos con dificultades para o acceso léxico, tanto pola ruta fonolóxica como pola visual) e a dislexia.
Etapas da adquisición da lectura según Frith (1985)
|
Etapa |
Características |
|
Logográfica Alfabética Ortográfica |
Debúxase a palabra de xeito impreciso sen ser consciente dos seus compoñentes. Aplícase a ruta fonolóxica e vaise aprendendo a ortografía natural Aplícase a ruta léxica e interiorízase a ortografía regrada e a ortografía visual |
Por que é interesante que analice como leo?
A aprendizaxe da escritura e da lectura son fudamentais porque nelas susténtanse as aprendizaxes posteriores que se deben levar a cabo ao longo da vida.
Ti es o máis indicado/a para saberes o teu nivel de lectura: tanto de sílabas, palabras, de secuencias oracionais como de comprensión de textos. Cos exercicios que che imos propoñer poderás saber as túas fortalezas e debilidades. Non dubides en compartir co teu profesor/a calquera dúbida que teñas respecto ao teu nivel lector. Se les ben, aprenderás máis doadamente e mellorará o teu nivel de expresión. E ademais, contribuirá a que acades obxectivo de falares galego cada vez mellor!
