PRINCIPAL

Saltar navegación

3- Actividades de pronuncia e recitado

Suxerencia de procedemento

Propoñémosche textos para que leas en voz alta. Faino de vagar e fixándote na túa pronuncia. Están ordenados de máis sinxelos a máis complexos. Cando esteas ben seguro/a da túa pronuncia, escolle un deles para recitar de cor. Practica primeiro ti sö/soa; despois recítallo a un compañeiro, logo ao profesor/a, por se ten algunha suxerencia que facerche. Por fin, programade unha xornada de recitado de poemas na aula e, se vos animades, nun festival no salón de actos. Tamén hai outros xeitos de compartir os vosos recitados, por exemplo emitíndoos no programa de radio do centro (se o tedes) ou gravando o son e compartíndoo por algún medio tecnolóxico do que dispoñades...

1

Á frol, á frol...!

Imos apañar

as bágoas do sol.

 

Andar, andar!

Todos a coller

a luz do luar.

 

A bulir, correr,

traede angarelas,

que as imos encher

con ouro de estrelas!


Xose María Álvarez Blázquez

2

Unha cerdeira é un navío inquedo:

que parte na mañá

e loita, e vence,

e séntese apretado polo vento,

e trae a luz sumisa, acribillada

estendida na xacia vitoriosa.

(Avilés de Taramancos)

3

No peteiro do luar

nacéu a herba mollada,

ai si!

Segouna con frío verde

a risa nova da alba,

ai non!

As mozas fixeron festa

ao vento da risa moza,

ai si!

A gaita ceibe do orballo

quebrou o seu veu de noiva,

ai non!

Álvaro Cunqueiro, Cantiga nova que se chama ribeira

4

O RÍO

Fuxe o río polo río,

caladiño, sin dar pío.

Leva follas de ameneiro

que esparexe no areeiro.

Escalos, troitas e anguías

relocen nas augas frías.

Nas ponlas dos arboriños

chían melros i estorniños.

Sin présa, coa auga a fío,

marcha día e noite o río.

Xosé Neira Vilas, Cantarolas e contos prá xente miuda (1975)

5

Miña Patria:

Eu son o teu soldado máis forte.

A túa lingua é a miña espada

e cando debullo unha canción,

cando florece unha palabra,

canta en min o labrego cavador,

o emigrante e poeta,

o mariñeiro,

o home que amasa o pan e moxe o leite.

¡Non son un home: son un pobo,

e ninguén me pode domear!

Avilés de Taramancos, O tempo no espello

6

A miña voz, compañeiras,

non naceu para afastar.

Se non fose por vosoutras,

como ía camiñar?

 

Miñá irmá, irmá, miña amiga,

tan igual a min e tan distinta,

dáme a man e faremos cordada,

vén comigo, miña camarada,

dáme a man e faremos cordada,

vén comigo, miña camarada.

 

A miña voz, compañeiras,

tráioa para partillar.

Se non fose por vosoutras,

como ía camiñar?

 

Miña irmá, miña irmá, miña amiga,

tan igual a min e tan distinta,

dáme a man e farémonos grandes,

temos xuntas a forza dos mares.

Dáme a man e farémonos grandes,

temos xuntas a forza dos mares.

 

A voz das miñas amigas

Dáme folgos para avanzar.

Se non fose por vosoutras,

como ía camiñar?

Yolanda Castaño

7

figura de mariñeiro

Transfusión oceánica

Eu creo que sou humano reconvertido,

e sinto que nalgún momento

sufrín transfusión oceánica,

porque este sangue do meu corpo

non é sangue, é sangue salgado.

Sinto tamén que sufrín metamorfose,

non é nariz o meu senón proa,

non son brazos os meus senón amuras

e as miñas cotelas cadernas...

Todo en min forma un esqueleto naval.

E esa barriga que se afunde no mar,

estabilidade contra as ondas de costado.

Sou humano, sou barco, sou tantas cousas...

Eu creo que sou árbore, porque sempre me chove,

sempre me venta, sempre me dá o sol.

Tamén creo que sou paxaro, porque os peixes

venme voar entre as ondas, e subo, baixo,

fago siluetas acrobáticas ou simplemente voo raso.

Así me ven, un paxaro voando no océano...

Miran cara a enriba, e alí estou coa proa,

as amuras, a popa, a barriga, o eixe...

Eu son mariñeiro, e o mar móllame a alma,

salinízame e golpçeame o corazón.

E eu non podo facer máis nada,

senón ser árbore, ser barco, ser paxaro...

en serio, nada podo facer,

NADA, PORQUE MARIÑEIRO SOU.


Xosé Iglesias, 5-12-2011

Recollido de Contos do mar de Irlanda, Xurxo Souto, Ed. Xerais, 2014