2-3- Entoación das distintas unidades oracionais
A entoación
A entoación é un trazo melódico que engade ao enunciado un significado novo. Permite saber se o falante manifesta un significado de pregunta, exclamación, mandato, dúbida... N escrita marcámolos cos signos ? e !
O significado das interxeccións depende do contexto ou da situación na que aparecen. Distiguimos varias clases:
-Interxeccións imitativas (imitan ruídos da realidade):
¡plaf! ¡pumba! ¡ras! ¡zas! ¡chas!
- Interxeccións expresivas ( o falante emprégaas para expresar algún tipo de sentimento: dor, admiración, sorpresa, indignación, alegría...):
¡ai! ¡ui! ¡uf! ¡aha!
Interxeccións apelativas (actúan sobre a vontade do interlocutor ou receptor):
¡upa! ¡eh!
Observa:
Un destes enunciados indica sorpresa e decepción. Cal é?
1- Anda! xa pasou o bus.
2- Anda, xa pasou o bus.
A entoación correcta (na fala e na lectura) son fundamentais na boa comprensión dun texto. Matices tan modificadores do sentido como a carraxe, a retranca, a dúbida, quedarían fóra da percepción do interlocutor se o expresado carecese da entoación adecuada. Así pois, esmérate nos exercicios que che propoñemos!
1
Imos empregar o poema “O enterro do mendigo” de Luís Seoane para que practiques a modulación da frase, coma se dunha escena teatral se tratase. Imaxina os mendigos que o poeta sitúa nunha igrexa de Santiago de Compostela a pedir esmola diante da porta, e reproduce en voz alta as súas voces, co ton que as describe o poeta.
Os (...) mendigos de Santa María Salomé , pregan
polas súas desdentadas bocas de gárgolas,
en antergas verbas, tristeiras e doridas:
-¡Unha caridade pola lei dos Santos!
-¡Por tódalas santas virxes do ceo!
-¡Polas benditas almas do purgatorio, señor!
-¡Tiven honores e fiquei moinante!
-¡Deus vos libre, miña dona, de tódalas lepras!
-¡Polo noso mal siso, señor, caímos na probeza!
Neste sentido poema, Luís Seoane (1910-1979), moi lonxe de facer burla deles, amósanos os esmolantes nun momento no que, con absoluta dignidade, proceden a enterrar a un compañeiro seu.
1-a- Intención comunicativa
Cal é a intención do ton "tristeiro e dorido" das frases dos mendicantes?.
2- Interrogación e exclamación
Recita os seguintes versos coa entoación interrogativa, enunciativa e exclamativa que lles corresponde. Repite até que esteas satisfeito/a do resultado.
¿Quen avisou a tódolos paxaros?
Do sur como unha ráfaga amarela
chegou o ouriol cun asubío:
Benvido viaxeiro tenaz, lóstrego ou claridade
das gándaras de cal e limoeiro!
(Avilés de Taramancos)
3
Le en voz alta coa entoación que corresponda:
1- ¿Como queres que queira
se o que eu quero que me queira
non me quere como eu quero
que me queira?
2- Teño un pano de catro puntas,
de punta fina e de fina punta;
de punta fina e de fina punta,
teño un pano de catro puntas.
2- ¡Ai, como costa a costa se é costa!
Se non costa a costa non é costa.
