Metodoloxía
Este REA está dentro do marco pedagóxico do proxecto cREAgal do que forma parte este recurso.
Desde o punto de vista metodolóxico, este REA é fundamentalmente activo e participativo, favorecendo o traballo individual e cooperativo do alumnado na aula.
Para iso relaciónase os contidos propios da materia coa realidade e á contorna do alumnado (mundo animal) co fin de motivalo e facelo sentir parte activa do proceso de ensino-aprendizaxe, é dicir, buscar un enfoque que sexa:
- Individualizado: activando os coñecementos previos do alumnado e propoñendo actividades multinivel adaptadas aos diferentes niveis.
- Significativo: o alumnado constrúe os seus propios coñecementos, é dicir, aprende ao tempo que aprende a aprender, interioriza as diferentes experiencias e estratexias que lle fan afondar e desenvolver os seus coñecementos.
- Funcional: búscase a utilidade do aprendido en situacións reais e con conexión co seu mundo real.
Os criterios metodolóxicos deste REA seguen as liñas da materia de Matemáticas, cun carácter esencialmente práctico e cun enfoque competencial do currículo. Para iso, utilízanse as seguintes metodoloxías que o fomentan:
- Proporcionar unha variedade rica e diversa de actividades, cun enfoque globalizado e activo, nas que o alumnado constrúa significativamente os coñecementos que serán as ferramentas que lle permitan resolver interrogantes e problemas.
- Esta metodoloxía recolle unha perspectiva socioemocional e de xénero que axuda ao alumnado a aumentar a súa autoconfianza e perseveranza. Ademais sinálanse as aplicacións que ten a materia na realidade e as posibilidades de mellora do mundo.
- Facilitar que o alumnado manteña unha actitude positiva e que pense crítica e creativamente, valorando o erro como fonte de aprendizaxe. Unha perspectiva que contribúa a xerar a curiosidade e a necesidade de adquirir e aplicar coñecementos, actitudes, valores, habilidades e destrezas.
- Empregar estratexias e dinámicas de aprendizaxe cooperativa propiciarán a resolución conxunta de tarefas e problemas, potenciarán a atención á diversidade, a inclusión, a igualdade e, en definitiva, a convivencia. As propostas en equipo brindan a oportunidade de intercambio entre o alumnado, permiten a diversidade de ideas e propostas, favorecen clarificar tarefas, discutir plans, chegar a acordos e consensos e analizar producións.
- A resolución de problemas baseada no desenvolvemento dos proxectos propostos (retos).
- Ter en conta os diferentes ritmos de aprendizaxe e a diversidade do alumnado (DUA), que favorezan a capacidade de aprender por si mesmos e que promovan o traballo en equipo con perspectiva de xénero, guiando o alumnado e poñendo en práctica, de ser necesario, mecanismos de reforzo tan pronto como se detecten dificultades.
- A creación de obxectos tendo en conta o deseño, a elección de materiais e a súa fabricación dentro dunha contorna sostible e respectuosa co ambiente (ODS: Obxectivos de Desenvolvemento Sostible).