Introducindo o REA "O gran libro das emocións"
O REA O gran libro das emocións ten como finalidade o desenvolvemento da competencia lingüística en lingua galega e da intelixencia emocional a través da investigación, análise ou creación de relatos baseados en emocións. Este proxecto integra elementos do currículo de Lingua Galega e Literatura, destacando a importancia de conectar a aprendizaxe coa experiencia emocional, a expresión persoal e a identidade cultural do alumnado.
Os diferentes bloques do REA están deseñados tendo en conta o Deseño Universal para a Aprendizaxe (DUA), o que permite diversificar a presentación da información en distintos formatos e niveis, garantindo o acceso de todo o alumnado ás actividades e recursos.
Para o profesorado interesado en utilizar este recurso, ofrécese unha oportunidade de enfoque educativo motivador, no que a aprendizaxe da lingua galega se combina co traballo emocional e colaborativo, desenvolvendo tanto competencias lingüísticas como persoais e sociais.
As fases deste REA axudarán ao alumnado a:
- Explorar emocións a través da lectura, a investigación de lendas locais ou a recuperación de vivencias familiares.
- Planificar as ideas, estruturando os textos narrativos a partir de elementos como os personaxes, o espazo, o tempo e a emoción central.
- Crear ou adaptar historias que transmitan emocións, utilizando diferentes soportes e recursos accesibles.
- Presentar e reflexionar sobre os relatos realizados, valorando a diversidade emocional e contribuíndo á elaboración dun libro colectivo para a biblioteca escolar.
O proxecto fai uso das ferramentas tecnolóxicas dispoñibles nos centros (como Abalar/eDixgal), empregando a tecnoloxía como complemento esencial para a creación e accesibilidade dos textos, sen perder de vista o obxectivo principal: fomentar a educación emocional e o uso do galego en contextos significativos e próximos á realidade do alumnado.