O gran libro das emocións
Este é un REA (Recurso Educativo Aberto) deseñado para que o alumnado explore e exprese emocións a través da narración oral e escrita en lingua galega. A partir da investigación de lendas locais ou historias familiares, cada neno e nena recollerá unha vivencia emocional que servirá como punto de partida para a creación dunha historia propia en pequenos grupos. Cada grupo escollerá unha emoción como fío condutor e elaborará un relato que formará parte dun libro colectivo: "O gran libro das emocións".
Ao longo desta situación de aprendizaxe, traballaranse os elementos básicos da narración (estrutura, personaxes, espazo, tempo...), os determinantes (artigos, posesivos e demostrativos), así como aspectos normativos da lingua (cc/ct, uso do "h", concordancia de xénero e número). Todo isto realizarase mediante actividades accesibles, con diferentes opcións adaptadas aos principios do Deseño Universal para a Aprendizaxe (DUA).
O REA promove o autocoñecemento, a empatía e a expresión emocional, ao tempo que potencia a competencia lingüística, a creatividade e o traballo en equipo. O produto final —un libro físico ou dixital clasificado por emocións— quedará como legado na biblioteca do centro educativo.
Este proxecto contribúe á consecución dos seguintes Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS):
- ODS 4: Educación de calidade – promovendo unha aprendizaxe significativa, inclusiva e accesible que desenvolva competencias clave para a vida.
- ODS 11: Cidades e comunidades sostibles – favorecendo a recuperación, conservación e posta en valor do patrimonio inmaterial local mediante a recollida de historias, lendas e lembranzas da contorna, reforzando así o vínculo co territorio e a identidade cultural.
As metas de aprendizaxe son:
- Recoñecer e empregar a estrutura básica dun texto narrativo.
- Recoñecer e utilizar diferentes determinantes (artigos, posesivos, demostrativos) con corrección.
- Aplicar normas ortográficas básicas (cc/ct, uso do "h", concordancia).
- Identificar e expresar emocións a través da linguaxe oral e escrita.
- Desenvolver a creatividade e o pensamento crítico mediante a creación de historias orixinais.
- Traballar de forma cooperativa, valorando a diversidade de emocións e experiencias.
- Adaptar os textos ás necesidades de accesibilidade de todas as persoas engadindo imaxes ou adaptando textos.
- Participar na elaboración dun produto colectivo con finalidade comunicativa e emocional.