Metodoloxía
Este REA forma parte do proxecto cREAgal e segue unha metodoloxía activa e participativa, favorecendo o traballo individual e cooperativo do alumnado. O obxectivo principal é fomentar a expresión das emocións a través da narración oral e escrita, mediante a análise ou creación de relatos que se recollerán nun libro colectivo.
Desde un punto de vista metodolóxico, este REA caracterízase por ser:
- Personalizado: Adaptado aos coñecementos previos e ás necesidades individuais do alumnado, propoñendo actividades multinivel que promovan a inclusión e o desenvolvemento emocional.
- Significativo: Favorecendo que o alumnado conecte coas emocións propias e alleas a través de historias reais ou imaxinadas.
- Funcional: Orientado a aplicar as aprendizaxes lingüísticas e emocionais en situacións reais e próximas ao seu contexto social e familiar.
As principais liñas metodolóxicas inclúen:
- Aprendizaxe baseada en proxectos (ABP): O alumnado traballa en pequenos grupos para crear un produto final –un libro de historias organizadas por emocións–, reforzando a colaboración e a creatividade.
- Resolución de problemas: As actividades abordan situacións vinculadas á expresión emocional, á empatía e á xestión das emocións, promovendo o pensamento crítico e a convivencia positiva.
- Uso de ferramentas dixitais e creativas: Fomentarase o uso de recursos como procesadores de texto, aplicacións de lectura en voz alta, pictogramas ou códigos QR para adaptar os relatos para todas as persoas.
- Traballo por competencias: Promóvese o uso da lingua galega en contextos comunicativos reais e significativos, desenvolvendo as competencias lingüística, social e emocional.
- Enfoque transversal: Abórdase o benestar emocional e a educación de calidade, en conexión cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, especialmente o ODS 3 e o ODS 4.
As sesións estarán organizadas de forma progresiva, permitindo ao alumnado:
- Explorar: Investigar lendas locais ou recoller vivencias emocionais a través de entrevistas ou experiencias propias.
- Planificar: Escoller unha emoción e deseñar a estrutura da historia: personaxes, espazo, tempo e trama.
- Desenvolver: Redactar, revisar e adaptar o relato, podendo empregar soportes analóxicos ou dixitais e incluír elementos multimodais.
- Compartir e reflexionar: Presentar os relatos ao grupo-clase, valorar a diversidade emocional e participar na elaboración final do libro.
Darase especial atención á diversidade do alumnado, asegurando que cada estudante poida participar activamente, respectando os seus ritmos e necesidades de aprendizaxe. O uso dunha linguaxe inclusiva e a perspectiva de xénero serán transversais en todas as actividades.