Orientacións e recomendacións de uso
Algunhas recomendacións para o uso deste recurso na aula son:
Recursos materiais necesarios
Para levar a cabo este REA, "O gran libro das emocións", precisarase unha combinación de recursos tradicionais e dixitais. É recomendable contar con dispositivos como ordenadores ou tablets con acceso a internet para a redacción, edición e adaptación de textos, así como para empregar ferramentas de apoio como procesadores de texto, aplicacións de lectura en voz alta, pictogramas ou códigos QR.
Será tamén útil dispoñer de materiais impresos como modelos de relatos, fichas guía para a análise ou creación de historias, ademais de papel, lápis, rotuladores e outros materiais de escritura e ilustración que favorezan a creatividade do alumnado.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
Neste REA combínanse actividades individuais e grupais para potenciar tanto a reflexión persoal como o traballo cooperativo. Recoméndase formar grupos de 3 a 5 alumnos/as con composición heteroxénea, asegurando que cada persoa achegue as súas capacidades e fortalezas ao proxecto. Cada membro pode asumir un rol concreto (coordinación, redacción, ilustración, lectura, revisión...), o que favorece a implicación equitativa no proceso.
O traballo en equipo será clave na fase de creación ou adaptación das historias, fomentando a escoita activa, a empatía e a toma de decisións compartida. O profesorado debe facilitar un ambiente de confianza e respecto, garantindo a participación de todo o alumnado e promovendo valores de cooperación e inclusión.
Produtos finais
O produto final deste proxecto será un libro colectivo —físico ou dixital— que recolla historias organizadas segundo diferentes emocións (ledicia, medo, tristura, orgullo, etc.). Cada grupo achegará un relato narrativo orixinal ou adaptado, acompañado de elementos complementarios como ilustracións, pictogramas, códigos QR, ou versións gravadas, segundo o nivel e preferencia do alumnado.
A presentación poderá realizarse en distintos formatos: lectura oral, exposición multimedia, cartel ilustrado, libro dixital ou presentación na biblioteca do centro. Esta diversidade fomenta a participación e permite atender á variedade de estilos de aprendizaxe presentes na aula.
Enfoque multinivel do reto
Este reto está deseñado para permitir que cada alumno ou alumna participe segundo as súas capacidades, intereses, estilos de aprendizaxe e grao de autonomía. As actividades poden realizarse tanto en formato papel como dixital, adaptándose con flexibilidade á realidade de cada aula.
O traballo desenvólvese en distintas fases: a investigación dunha historia ou lenda da contorna, a vinculación desa historia cunha emoción concreta, e a elaboración dunha páxina para o libro colectivo. Este proceso contempla diferentes niveis de profundidade e complexidade:
Opción A: o alumnado escolle unha historia ou lenda xa adaptada, centrando o seu traballo na expresión da emoción e na creación da páxina do libro.
Opción B: o alumnado parte dunha historia real (recollida a través dunha entrevista familiar, por exemplo) e realiza unha adaptación propia vinculándoa cunha emoción.
Opción C: o alumnado inventa unha historia orixinal inspirada na súa contorna, elixindo e traballando unha emoción concreta desde o inicio do proceso creativo.
Todas as opcións son válidas e valoradas, e permiten que o reto sexa accesible e motivador para todo o alumnado. Ademais, foméntase o uso dun diario de aprendizaxe individual, en papel ou dixital, para favorecer a reflexión sobre o proceso.
O produto final común a todos será a creación dunha páxina para o "Gran libro das emocións", que poderá ser exposto na biblioteca escolar, promovendo a visibilización das emocións e da riqueza narrativa e cultural do noso entorno.