Eixes da proposta didáctica
A área de Educación Física fundaméntase na adquisición das capacidades que contribúan ao desenvolvemento persoal e a unha mellor calidade de vida. É unha área que se dirixe ao coñecemento progresivo da conduta motora e á adquisición de actitudes, valores e normas referentes ao corpo e ao movemento.
Esta área participa tamén na consecución de diversos fins educativos na Etapa de Educación Primaria: a socialización, a autonomía, aprendizaxes básicas e mellora das posibilidades expresivas, cognitivas, comunicativas e lúdicas. A Educación Física está especialmente indicada para integrar todo tipo de alumnado e resulta idónea cara ao tratamento da diversidade na aula, fomenta a coeducación e promove a igualdade de oportunidades para ámbolos sexos.
Debemos lembrar que a Educación Física non é unha simple aprendizaxe de movementos, senón un camiño cara á educación integral e que utiliza o movemento como axente pedagóxico con diversas funcións: de coñecemento, de organización perceptiva, anatómico-funcional, estético-comunicativa, de relacións persoais, agonística, hixiénica, hedonista, de compensación e catártica.
Este REA contribúe a dous dos obxectivos principais da área:
- OBX3: Desenvolver procesos de autorregulación e interacción no marco da práctica motriz, con actitude empática e inclusiva, facendo uso de habilidades sociais e actitudes de cooperación, respecto, traballo en equipo e deportividade, con independencia das diferenzas etnoculturais, sociais, de xénero e de habilidade dos participantes, para contribuír á convivencia social e ao compromiso ético nos diferentes espazos en que se participa.
- OBX4: Recoñecer e practicar diferentes manifestacións lúdicas, físico-deportivas e artístico-expresivas propias da cultura motriz, valorando a súa influencia e as súas achegas estéticas e creativas á cultura tradicional e contemporánea, para integralas nas situacións motrices que se utilizan regularmente na vida cotiá.
Construír a identidade corporal, persoal e social desde unha práctica vivenciada que integra expresións culturais, como o xogo e a danza é o medio idóneo para comprender que forman parte do patrimonio cultural e que deben ser obxecto de recoñecemento, preservación, mellora e gozo. Nun mundo globalizado e marcado polos movementos migratorios, isto supón enriquecer o acervo común coas achegas das diferentes etnias e culturas que converxen nun espazo socio-histórico, desde a mestizaxe cultural asociada á interculturalidade.
"Unha viaxe inesperada" ademais está estreitamente relacionado co traballo dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostibles (ODS) tendo relación directa cos seguintes:
- ODS 10 - Redución das desigualdades: xa que promove a inclusión e o respecto pola diversidade cultural, fomentando a convivencia entre diferentes culturas presentes nas aulas.
- ODS 16 - Paz, xustiza e institucións sólidas: a través da convivencia multicultural e o respecto polas diferentes culturas, contribúese á construción de sociedades máis pacíficas e inclusivas.
- ODS 17 - Alianzas para lograr os obxectivos: a colaboración entre o alumnado para coñecer diferentes nacionalidades das comunidades educativas e realizar a xornada multicultural con xogos e bailes, pode fortalecer alianzas para promover unha educación e unha sociedade máis global e conectada.