Metodoloxía
O deseño deste REA ten como obxectivo ofrecer ao alumnado unha aprendizaxe significativa, baseada na resolución de retos conectados coa realidade, con impacto social e que esixen ás nenas e nenos a toma de decisións e a valoración dos resultados e do proceso.
O eixo fundamental do REA é o traballo colaborativo, para o que se crean grupos estables durante todas as fases do proxecto.
As tarefas están relacionadas cos contidos de cada unha das fases e son de dous tipos:
- Individuais: con gradación de dificultade e progresividade. Ofrécese ao alumnado a posibilidade de escoller actividades.
- Grupais: mediante uso de estratexias que teñan en conta os diferentes ritmos de aprendizaxe do alumnado, partindo das súas capacidades, valorando non só o resultado senón a progresión e o proceso da actividade motriz, favorecendo a capacidade de aprender por si mesmos.
Este REA está dentro do marco pedagóxico do proxecto cREAgal do que forma parte este recurso.
Desde o punto de vista metodolóxico, este REA é fundamentalmente activo e participativo, favorecendo o traballo individual e cooperativo do alumnado na aula para resolver as propostas que se lle presentan. As situacións ideadas buscan estar contextualizadas na vida diaria do alumnado e parten dos coñecementos previos adquiridos con anterioridade.
Para iso, intégranse referencias á vida cotiá e á contorna do alumnado co fin de motivalo e facelo sentir parte activa do proceso de ensino-aprendizaxe, é dicir, buscar un enfoque que sexa:
- Personalizado: buscamos a relación cos coñecementos previos do alumnado e propoñemos actividades multinivel.
- Significativo: o alumnado constrúe os seus propios coñecementos, é dicir, aprende ao tempo que aprende a aprender, interioriza as diferentes experiencias e estratexias que lle fan afondar e desenvolver os seus coñecementos.
- Funcional: búscase a utilidade do aprendido en situacións reais e con conexión co seu mundo real.
Os criterios metodolóxicos deste REA seguen as liñas da materia de Educación Física, cun carácter esencialmente práctico e cun enfoque competencial do currículo. A metodoloxía empregada será:
- Flexible: adaptándose continuamente aos diferentes niveis de cada alumna e alumno.
- Activa: fomentando alumnado autónomo e responsable das súas aprendizaxes.
- Participativa: potenciando a cooperación-colaboración.
- Integradora: facilitando poder sentirse capaces coas súas propias respostas motrices e coas súas diferenzas, mellorando a autoestima.
- Contextualizada: o alumnado debe comprender o que está a facer, cales son os obxectivos e os pasos.
- Lúdica: o xogo, elemento fundamental.
- Creativa: propoñendo a procura de solucións aos problemas que vaian aparecendo ao longo da aprendizaxe.
- Progresiva: que expoña ao alumnado a novos retos e momentos de aprendizaxe, cada vez máis complexos.
Co fin de dar prioridade e optimizar o tempo motriz, proponse que o alumnado poida acceder aos contidos e actividades do recurso dixital en calquera momento. Esta forma de aprendizaxe, que se aproxima ao concepto de Aula Invertida, levada á Educación Física, facilita que os estudantes comprendan previamente as técnicas, normas e conceptos básicos das actividades que van practicar, axudando así a optimizar o tempo das sesións motrices, permitindo que se centren máis na práctica activa que desenvolve as súas habilidades motrices e menos na explicación e, ademais, favorece a autonomía persoal e a aprendizaxe personalizada (xa que un alumno/a pode ver, as veces que precise, a información).