Orientacións e recomendacións de uso
Para levar a cabo esta situación de aprendizaxe, hai que ter en conta unha serie de orientacións e recomendacións de uso, que vos poden axudar ao profesorado se a poñedes en práctica.
Recursos materiais necesarios
O REA está deseñado para permitir ao profesorado adaptar as propostas de traballo, para o alumnado, aos recursos dispoñibles.
FASE 1: para a presentación do reto precisarase un equipo informático, con conexión a Internet e un dispositivo que permita a proxección de vídeos, como unha pantalla dixital interactiva (PDI).
FASE 2: o "mapa falante" pode ter diversos formatos, físico ou dixital (require o uso de equipo informático e PDI). Para as tarefas individuais interactivas, cada alumno/a disporá dun equipo informático.
FASE 3: para a realización dos xogos e bailes de Galicia, de España e do Mundo é necesario o uso dun altofalante, reprodutor de música ou similar, panos, cadeiras, bólas, buxainas, cordas, paus de madeira, aros, cestas, dianas, tapóns ou obxectos semellantes, pelotas diversas (tenis, rugby etc.), bancos suecos, xiz, cinta de carroceiro etc. Ademais será necesario o equipo informático e PDI para as sesións desta fase para a proxección dos vídeos que se inclúen. Algún material que non se teña dispoñible, pode realizarse con material de refugallo.
FASE 4: para a organización da "Xornada multicultural" é preciso o uso de altofalante, reprodutor de música ou similar, así como de todos os elementos que sexan necesarios para desenvolver os xogos elixidos. Tamén se precisarán cartolinas, ceras, rotuladores, tesoiras etc. para a elaboración dos carteis.
Proposta de agrupamentos para actividades en grupo
A primeira proposta de tarefa en grupo do REA (fase 2) está dirixida á formación de cinco equipos heteroxéneos, cos que se traballará ao longo de toda a situación de aprendizaxe. Porén, esta proposta pode adaptarse en función do número de alumnado dispoñible.
Durante a fase 3, na realización dos xogos, requírense agrupamentos diferentes segundo o tipo de xogo a desenvolver. O mesmo acontece coa práctica dos bailes, que pode levarse a cabo en pequenos grupos ou a nivel de grupo-clase.
Na fase 4 manteranse os mesmos grupos creados na fase 2 para a realización da "Xornada multicultural".
No REA non se fai mención ao número de alumnas e alumnos que integran cada grupo, xa que dependerá da totalidade do alumnado.
Enfoque multinivel do reto
Esta situación de aprendizaxe permitirá ao alumnado participar segundo as súas capacidades.
As tarefas individuais preséntanse de forma multinivelada, con varias opcións. O alumnado pode escoller, segundo o seu criterio, calquera das actividades propostas, mentres que o profesorado pode orientar e recomendar aquelas máis axeitadas segundo a súa complexidade.
Dentro dos equipos que se formen, haberá alumnado con capacidades diversas, co obxectivo de que todos e todas poidan axudarse mutuamente segundo as súas posibilidades. Durante as tarefas, xogos e bailes, o alumnado poderá participar independentemente do nivel de dificultade, xa que se ofrecerán opcións adaptadas e poderán axustar os seus movementos e habilidades aos obxectivos propostos. Tamén se poderán adaptar as normas, os espazos de xogo, os materiais, etc., para garantir esa multinivelación.
Na xornada multicultural, haberá diferentes roles que o alumnado poderá adoptar. Para realizar a decoración dos postos do reto, poderán contribuír de diversas maneiras (caracterización e vestimenta, organización do material, elaboración de carteis, explicación dos xogos e das curiosidades dos países...). Isto permitirá que, segundo as habilidades dos integrantes de cada equipo, cada quen poida sentirse máis cómodo cun rol ou con outro.
Diario de aprendizaxe
O diario de aprendizaxe ofrécese como unha proposta de guía de reflexión (non avaliable) para o propio alumnado. Busca que recapaciten sobre as súas aprendizaxes e a maneira na que eles aprenden (estreitamente ligado coa competencia de aprender a aprender). Pero é tamén para o profesorado, unha ferramenta de grande utilidade, xa que aínda que non sexa unha actividade avaliable, a revisión dos diarios de aprendizaxe pode servir para guiar e reorientar a nosa práctica docente e poder adaptarse mellor ás características do noso alumado.
Neste documento respóndense cuestións relativas ás aprendizaxes adquiridas e ao proceso e valoración das mesmas. O alumnado, ao rematar cada unha das fases, ten unha "chamada" ao diario. Debido ao carácter especial da nosa área o diario está pensado para poder utilizalo de diversas maneiras (tanto de maneira dixital, como a man; e de maneira completa ou segmentada por fases) como o docente decida:
- Opción A: o diario pódese imprimir en formato "libriño" en A5, un tamaño razoable e funcional se decidimos que o alumnado o leve ao pavillón ou ximnasio (espazo de xogo) e poidan cubrir nun momento da sesión a fase que se considere.
- Opción B: o diario pódese imprimir por fases e ser entregado segmentado, como se fose unha ficha a realizar ao finalizar cada fase.
- Opción C: o diario pódese realizar e editar directamente no ordenador, coma unha tarefa á realizar na casa ou no seu tempo libre e, posteriormente, ser entregado ao rematar cada fase (se é segmentado) ou ao finalizar á situación de aprendizaxe (arquivo enteiro).
Búscase ter o maior tempo motriz polo que, aínda que a reflexión e análise sexan parte da aprendizaxe, débese pensar a mellor maneira de utilizalo en base as características do noso alumnado, a tipoloxía, infraestrutura e características do noso centro, así como material tecnolóxico dispoñible (no centro e fogares do alumnado).
Sesións de Educación Física
A planificación das sesións que se describen no apartado "2.2. Temporalización" debe entenderse como unha proposta de organización que logo o docente deberá concretar segundo as características do alumnado, recursos e instalacións dispoñibles.
Tratamento da diversidade
O REA do alumnado ten as opcións de lectura facilitada, sons e apoio visual como complemento para poder contar con máis opcións de comprensión que a principal que se ofrece.
A maiores, debemos recordar que as sesións motrices tamén deben ter en conta o deseño DUA. Polo que se recomenda elaboralas considerando as características do voso grupo clase e realizando as adaptacións que se consideren: adecuación de tempos, de materiais, de regras, explicacións breves e claras, demostracións das actividades etc.