Unha viaxe inesperada
"Unha viaxe inesperada" é un REA (Recurso Educativo Aberto) que ten como finalidade pór en valor os xogos e bailes tradicionais de diferentes países, aproveitando a riqueza que supón a diversidade das diferentes culturas presentes, hoxe en día, nas aulas. Nesta situación de aprendizaxe, damos valor a esa multiculturalidade presente nos centros educativos e recibímola como unha fonte de aprendizaxe e riqueza, xa que esta axudará ao alumnado a coñecer, tanto bailes e xogos autóctonos, como doutras partes do mundo. Como reto final, proponse organizar unha xornada multicultural na escola onde se amosen os principais bailes e xogos dos países que conviven no centro educativo.
O REA "Unha viaxe inesperada" ten como obxectivos principais:
- Coñecer e respectar as diferentes culturas presentes na aula e no mundo.
- Descubrir e practicar xogos e bailes tradicionais de diferentes países.
- Mellorar a expresión corporal e musical a través da danza e o xogo.
- Entender a multiculturalidade como unha oportunidade de aprendizaxe.
- Empregar ferramentas e plataformas dixitais no ámbito da Educación Física.
Trátase dunha secuencia de aprendizaxe na que se propón, mediante unha contextualización motivadora conectada coa realidade do alumnado, a superación, de forma cooperativa, dun reto ou dunha problemática mentres se traballan os contidos propios da área.
Ao longo da mesma, e de maneira interdisciplinar, expóñense os coñecementos, destrezas, valores e actitudes mediante un enfoque competencial e abordando os mesmos a través de metodoloxías activas.
As situacións de aprendizaxe do proxecto cREAgal estrutúranse en cinco fases:
- A primeira fase está centrada na motivación do alumnado, a identificación da temática e descrición do reto.
- A segunda fase trata de activar os coñecementos previos do alumnado.
- Na seguinte fase, a terceira, lévase a cabo unha conexión entre as aprendizaxes, habilidades e destrezas que xa posúe o alumnado coas novas aprendizaxes.
- Na cuarta fase, o alumnado desenvolverá o reto proposto poñendo en xogo todo o aprendido.
- Por último, a quinta fase, está reservada para a valoración xeral da actividade, a coavaliación do reto, a propia autoavaliación e a recompilación de propostas de mellora.