Metodoloxía
A creación deste REA (Recurso Educativo Aberto) englóbase no marco do proxecto cREAgal que se pode consultar na guía do proxecto (vincularíamolo á ligazón do proxecto na web da Xunta).
Dende o punto de vista metodolóxico, este REA é fundamentalmente activo e participativo, favorecendo o traballo individual e cooperativo do alumnado na aula. A realización de diversas tarefas, actividades ou proxectos de xeito autónomo e/ou guiado por parte do alumnado será unha condición primordial para acadar unha aprendizaxe significativa. Todo isto, terá un enfoque globalizador, de carácter interdisciplinar, transversal e tratando de achegar o coñecemento científico ao alumnado.
A metodoloxía empregada nesta unidade didáctica baséase nun enfoque activo, comunicativo e participativo, onde o alumnado é protagonista da súa propia aprendizaxe. A través dun conxunto de estratexias variadas, fomentarase a curiosidade, a investigación e a reflexión crítica sobre os contidos tratados. Así, as estratexias empregadas serán:
Aprendizaxe activa:
- O alumnado levará a cabo a creación dunha liña do tempo multimodal, permitindo aplicar os coñecementos adquiridos de maneira significativa.
- Integraranse actividades manipulativas e creativas, como a elaboración da portada dun xornal, para favorecer a interiorización da información de forma dinámica e visual.
Aprendizaxe cooperativa e traballo en equipo:
- Realización de tarefas en pequenos grupos onde o alumnado investigará, analizará e debaterá sobre os diferentes temas tratados.
- Exposicións orais en grupo para compartir descubrimentos e reforzar a comunicación oral e a argumentación crítica.
Investigación e análise de información:
- Actividades de busca de información en libros e medios dixitais, fomentando o pensamento crítico na selección e interpretación dos datos.
- Uso de recursos dixitais para complementar os contidos e desenvolver a competencia mediática e informacional do alumnado.
Debate e pensamento crítico:
- Posta en común das reflexións en gran grupo para contrastar diferentes perspectivas e promover a análise crítica.
Metodoloxía multinivel e inclusiva:
- Actividades adaptadas a diferentes ritmos e estilos de aprendizaxe para garantir a participación e comprensión de todo o alumnado.
- Propostas variadas con distintos niveis de complexidade que permiten a atención á diversidade e a inclusión de todos os estudantes.
- O Diseño Universal de Aprendizaxe (DUA) está presente en todo o REA xa que se empregan distintos métodos que teñen en conta os diferentes ritmos e estilos de aprendizaxe.
Entorno multimedia:
- A linguaxe está presente en distintos formatos: directo, a través de material impreso, a través de medios electrónicos visuais e sonoros. Desenvolveranse destrezas de comunicación oral e escrita nestes distintos soportes de maneira equilibrada.
Autoavaliativo:
- Será o propio alumnado, tanto nas tarefas individuais como nas colectivas, quen revise e avalíe a súa produción na busca de erros e de mellora comunicativa.
Con este enfoque metodolóxico, o alumnado non só adquirirá coñecementos, senón que tamén desenvolverá habilidades transversais como a autonomía, o traballo en equipo, a creatividade e a expresión oral e escrita.
TIPOS DE ACTIVIDADES
As actividades e tarefas propostas no REA son variadas e varían en función do momento no que se levan a cabo e da intención educativa que teñan.
- Actividades iniciais: A súa finalidade é coñecer as ideas previas do alumnado e ser unha motivación de cara a aprendizaxe dos contidos que se van desenvolver a continuación.
- Actividades de desenvolvemento: Son as tarefas que serven para traballar os novos contidos. Deben ser inicialmente máis estruturadas e guiadas para adquirir a base que permita realizar máis adiante actividades menos estruturadas e menos pautadas.
- Actividades de reforzo e ampliación: Ante a realidade da existencia de diferentes ritmos de aprendizaxe e capacidades do alumnado faise necesario propoñer actividades de reforzo para traballar os contidos básicos e ademais débense propoñer actividades de ampliación para propoñer contidos relacionados coa unidade pero non pensados para todo o alumnado.
- Actividades de avaliación: Calquera actividade pode ser avaliada aínda así, poden programarse actividades que especificamente teñan esa función avaliadora. Son, por tanto, actividades nas que se tratan os contidos e os criterios de avaliación que se queren valorar.